Agacal organiza un curso vitivinícola en Negueira de Muñiz

LugoXa
Agacal ten previsto desenvolver un curso sobre introdución á vitivinicultura na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia.
cata vino
3 sep 2021

Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto desenvolver un curso sobre introdución á vitivinicultura na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia. A acción formativa celebraríase a partir deste sábado 4 de setembro no local social de Negueira en horario de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas.

A acción formativa vai dirixida a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Ao longo das 46 horas de duración, o programa abordará diversos conceptos como as boas prácticas tanto no viñedo como na adega, a produción integrada e ecolóxica como modelo de referencia de cara unha produción diferencial, a distribución e comercialización ou a creación de iniciativas empresariais vitivinícolas. Ademais, o curso ten previsto realizar unha visita de estudo e intercambio a adegas dunha IXP de viños e á CFEA de Guísamo.

Deste xeito, o obxectivo principal deste curso é, a través da formación das persoas interesadas na vitivinicultura que manteñen unha relación con este territorio, asentar unhas bases que posibiliten a multiplicación da superficie cultivada con variedades de calidade por medio da recuperación de viñedos e da implantación de novas superficies de cultivo.

Todos os interesados poderán anotarse nos cursos cubrindo a correspondente solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse ao correo electrónico pablo.lugaro.seco@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 981 546 662  para máis información.

A Xunta aposta pola continua profesionalización do sector mediante cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Así, preténdese mellorar a produtividade, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional co fin de consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

0.19963407516479