Agromuralla concentrarase este luns ante a Xunta contra o acordo entre a UE e Mercosur

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A saída da protesta está convocada para as 12 da mañá diante do edificio do Goberno galego na Ronda da Muralla para rematar o seu percorrido diante da Subdelegación
Agromuralla-acto-tractores-Lugo-2015
10 Jan 2026

Agromuralla e a asociación Gandeiros Galegos da Suprema sairán á rúa o vindeiro luns, 12 de xaneiro, para rexeitar a sinatura do acordo comercial entre a Unión Europea e os países do Mercosur, un tratado que poría "en grave risco ás explotacións de vacún de leite e de carne galegas", aseguran.

A saída da protesta está convocada para as 12 da mañá diante do edificio da Xunta de Galicia na Ronda da Muralla para rematar o seu percorrido diante da Subdelegación do Goberno, no centro da cidade.

Os convocantes lerán senllos manifestos dirixidos a ámbalas dúas administracións e colocarán un stand informativo no final do percorrido para explicar aos consumidores os efectos que a sinatura do acordo co Mercosur terá para a saúde e a seguridade alimentaria da poboación. "Vaise abrir a porta á entrada de carne e outros produtos sen as mesmas garantías que os que producimos aquí", asegura Noelia Rodríguez, presidenta de Agromuralla.

Esta convocatoria conxunta en Lugo está coordinada con outras organizacións e grupos de produtores, coma os que se están a manifestar en Ourense ou as concentracións previstas tamén o luns na cidade da Coruña. "A nosa intención é facer ver por toda Galicia o descontento dos produtores e facer chegar aos consumidores as consecuencias tan negativas do tratado con Mercosur", explica.

Competencia desleal e peche de granxas

Pola súa banda, Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema incide que as menores esixencias en materia sanitaria, medioambiental e de benestar animal en países como Arxentina ou Brasil, grandes exportadores mundiais de carne de vacún, supoñen "unha clara competencia desleal para as granxas galegas, e para todo o sector primario en xeral".

Por iso, a entrada masiva de carne conxelada procedente destes países podería facer caer os prezos e poñer en risco a viabilidade e supervivencia das ganderías galegas e demais explotacións agropecuarias, que son as que manteñen a poboación e o territorio en amplas zonas de montaña e do interior de Galicia.

Ao mesmo tempo, a perda de valor da carne tamén afectaría ás explotacións leiteiras, que teñen na venda de becerros e de vacas de desvelle outra das súas principais fontes de ingresos.

Medidas efectivas contra a dermatose nodular contaxiosa

Entre as demandas das organizacións convocantes está tamén a posta en marcha por parte da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura de "medidas efectivas" para evitar a chegada da dermatose nodular contaxiosa a Galicia, logo dos brotes da enfermidade detectados en Cataluña e no sur de Francia.

O contaxio en granxas de Galicia suporía, tal como está a normativa actual, o sacrificio de todos os animais das explotacións afectadas e o establecemento de perímetros de seguridade que impedirían o movemento de gando.

⚙ Configurar cookies
0.080418109893799