Aínda se poden pedir as axudas de rehabilitación do Casco Histórico de Lugo

LugoXa
O Concello de Lugo recorda que permanece aberta a convocatoria para concorrer ás axudas á rehabilitación no Centro Histórico
Lara Mendez alvaro santos
Lara Mendez alvaro santos
13 jul 2022

O Concello de Lugo lembra que permanece aberto o prazo para concorrer á fase XVI das axudas para a rehabilitación do Centro Histórico. A convocatoria, cuxo anuncio se publicou o pasado 3 de xuño, permanecerá aberta até o próximo luns 3 de agosto.

“En total se cursaron até o momento un total de 14 solicitudes (que deben entregarse no Rexistro do Concello) pero agardamos poder financiar ate unha trintena de intervencións que serán sufragadas cunha partida de 430.061 euros, ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda”, explicou o edil de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos.

O titular da área recordou, alén, que a Administración local eximirá aos promotores destas actuacións do pago da taxa de servizos urbanísticos e lles aplicará unha bonificación de até o 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras para incentivalas.

“O procedemento, xestionado dende Evislusa, permitirá subvencionar traballos relacionados coa conservación e mantemento de inmobles ou a adopción de sistemas de aforro da enerxía e mellora da eficiencia enerxética. De maneira que se agarda chegar a promover, entre financiamento público e privado, un volume de negocio que superará os 1’3 millóns de euros (1.357.142 €)”, sinalou Santos Ramos.

O concelleiro explicou, así mesmo, que as vivendas obxecto deste procedemento, que segue o réxime de concorrencia competitiva, deben estar destinadas a uso residencial e tamén será preceptivo que o edificio obxecto da reforma conte con división horizontal e, cada unha das vivendas, coa súa devandita referencia catastral.

“Entre os traballos subvencionables inclúense, entre outros, a reparación ou substitución de cubertas, da carpintería exterior dos edificios, así como a mellora da accesibilidade do edificio ou vivenda, tratamentos de fachada ou medianeiras, adopción de sistemas de aforro enerxético ou obras destinadas á mellora da solidez”, sostivo.

Para a concesión das axudas terán preferencia, en primeiro lugar, as construcións catalogadas sobre as non catologadas e, dentro daquelas, terán prioridade as situadas no Burgo Medieval, seguidas polas do Ensanche Decimonónico e as do Ensanche Recente. Logo, unha vez seleccionados os expedientes por ese orde, procederase a unha segunda escolla en función do tipo de actuación a realizar, ao tratarse dun ámbito que conta cun plan especial de conservación, protección e rehabilitación, outorgándoselle en primeiro lugar ás actuacións nos elementos comúns dos edificios sobre as que sexan no interior da vivenda, tendo preferencia cando se trate de obras en elementos comúns, aquelas que afecten á envolvente do inmoble co fin de emendar as patoloxías do mesmo como poden ser filtracións ou humidades, as que melloren o illamento térmico, a seguridade estrutural e a accesibilidade. E cando se trate de obras privativas na vivenda terán preferencia as intervencións que consistan na mellora da habitabilidade e accesibilidade no interior das mesmas.

Álvaro Santos referiu que “a contía máxima das axudas pode alcanzar o 40% do custo subvencionable (por vivenda con referencia catastral), cun tope máximo de 12.000€ para obras de mellora de eficiencia enerxética e de 8.000 € se se trata de obras de accesibilidade e conservación, aínda que excepcionalmente esta porcentaxe máxima poderá ampliarse até o 75% se os ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente son inferiores a tres veces o IPREM. Esta mesma porcentaxe aplicarase cando se acometan intervencións para a mellora da accesibilidade na vivenda habitual e se acredite que existen na devandita unidade persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos”, abondou o edil.

Ademais, as subvencións deste programa serán compatibles con calquera outra achega pública sempre e cando a suma de todas non supere o custo total da actuación concreta, salvo as dos diferentes programas do Plan Estatal de Vivenda 2018 - 2021.

Finalmente, a data tope estipulada para ter rematadas as obras e comprobadas con toda a súa documentación rematará o 30 de novembro de 2026.