Airiños do Neira Baralla abre un novo curso para achegar a cultura tradicional a todas as idades

LugoXa
A asociación ofrece actividades desde os tres anos, como música e baile tradicional, gaita, percusión, teatro ou cantos de taberna, nun ambiente familiar e participativo
Encontro-Cultural-Airiños-do-Neira-Baralla
12 Sep 2026

A asociación Airiños do Neira Baralla inicia un novo curso de actividades culturais coa intención de continuar promovendo e difundindo a cultura tradicional galega entre persoas de todas as idades.

A programación inclúe propostas para diferentes intereses e niveis, desde iniciación á música tradicional e baile tradicional ata clases de gaita, percusión tradicional, cantos de taberna, solfeo, guitarra e teatro.

As actividades están dirixidas a persoas a partir dos tres anos, facilitando que os máis pequenos poidan achegarse desde idades temperás á música, ao baile e a outras manifestacións da cultura galega.

Desde Airiños do Neira Baralla destacan tamén o carácter familiar e participativo da asociación, que pretende que a aprendizaxe se combine coa convivencia e coa participación en diferentes iniciativas ao longo do ano.

Neste sentido, o alumnado terá a oportunidade de participar en actuacións, encontros culturais, festas e viaxes, actividades que permiten levar o aprendido fóra das aulas e compartir a tradición con outras persoas e colectivos.

A asociación sinala que o principal obxectivo desta proposta é contribuír á conservación e difusión da cultura galega, mantendo vivas expresións tradicionais e facilitando que novas xeracións se acheguen a elas.

As persoas interesadas en coñecer as actividades poderán probalas sen compromiso antes de decidir se queren incorporarse ao novo curso. Deste xeito, Airiños do Neira Baralla anima a veciñanza a achegarse e descubrir a oferta formativa da asociación.

0.15682005882263