Alan Godoy incorpórase ao CD Lugo para reforzar o ataque albivermello

LugoXa
O dianteiro canario, de 23 anos, asina por unha tempada co conxunto lucense, con opción de ampliar o vínculo por dúas campañas máis en función do cumprimento de obxectivos
Alan-Godoy
1 Sep 2026

O CD Lugo continúa a perfilar o seu cadro para afrontar a tempada 2026/27 e confirmou varias novidades que afectan tanto á súa plantilla como ao futuro de diferentes xogadores. A principal incorporación é a do dianteiro Alan Godoy, que chega ao conxunto albivermello para reforzar a parcela ofensiva.

O atacante, nacido en Las Palmas de Gran Canaria en 2003, asina por unha tempada co CD Lugo, aínda que o acordo contempla a posibilidade de prolongar a súa estancia durante dúas campañas adicionais, en función dos obxectivos establecidos.

Godoy formouse nas categorías inferiores da UD Las Palmas e posteriormente pasou pola canteira do Deportivo Alavés, club desde o que iniciou unha traxectoria que o levou por diferentes equipos do fútbol nacional e internacional.

A pesar da súa mocidade, o novo dianteiro conta xa cunha ampla experiencia competitiva. Ao longo da súa carreira militou no CD Mirandés, Nàstic de Tarragona, CD Eldense e Barça Atlètic, ademais de pasar polo fútbol portugués, onde defendeu a camisola do Estrela Amadora. O seu último equipo foi o CE Sabadell.

En total, Alan Godoy acumula máis de 140 partidos, nos que marcou 26 goles e repartiu dúas asistencias. Coa súa incorporación, o Lugo busca engadir velocidade, experiencia e capacidade goleadora ao seu ataque. O futbolista comezará este mércores a traballar xunto ao resto do primeiro equipo.

Yago Rodríguez pon fin á súa etapa no Lugo

No capítulo de saídas, o CD Lugo comunicou o acordo alcanzado co Real Avilés Industrial para o traspaso de Yago Rodríguez, que pon así fin á súa etapa como xogador albivermello.

A entidade lucense agradeceu ao futbolista o seu traballo e compromiso durante o tempo que permaneceu no club e trasladoulle os seus mellores desexos para a súa nova etapa profesional e persoal.

Lucas Suárez xogará na SD Sarriana

Pola súa banda, o mozo Lucas Suárez xogará esta tempada na SD Sarriana, no marco do convenio de colaboración existente entre ambas as entidades.

O futbolista, aínda en idade xuvenil, realizou a pretempada co primeiro equipo do CD Lugo e contou con minutos durante a preparación. Agora afrontará unha nova etapa coa intención de adquirir continuidade competitiva, sumar experiencia e continuar avanzando na súa formación.

O CD Lugo seguirá a súa evolución ao longo da campaña coa mirada posta no seu regreso ao club o vindeiro curso, para continuar o seu desenvolvemento dentro da estrutura albivermella. Desde a entidade tamén agradeceron á SD Sarriana a súa disposición para facer posible o acordo.

Nicolás Reniero deixa o club

Finalmente, o CD Lugo anunciou que Nicolás Reniero deixa de formar parte da disciplina da entidade con carácter inmediato, poñendo fin á súa etapa como xogador do conxunto albivermello.

0.15439796447754