Alar Galicia organiza en Lugo as V Xornadas de Prevención e Sensibilización da Violencia de Xénero
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo será o escenario dos días 23 e 24 de outubro das V Xornadas de Prevención e Sensibilización da Violencia de Xénero e Problemáticas Asociadas. O evento, organizado por Alar Galicia en colaboración coa Administración autonómica, reunirá profesionais de distintos campos para abordar temáticas relacionadas coa violencia de xénero.
A presentación oficial contou coa participación do delegado territorial de Lugo, Javier Arias, o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e o director de Alar Galicia, Fernando González Truque. Durante o acto, Arias e Barba subliñaron a importancia da colaboración institucional para mellorar os recursos destinados ás vítimas e avanzar na loita contra a violencia de xénero.
As xornadas incluirán diversas charlas e mesas redondas onde se analizarán aspectos sociais, xudiciais e o impacto nos menores, así como outras problemáticas asociadas, como o suicidio. Entre os relatores destacan a traballadora social Ángela Rodríguez, o xuíz de menores Emilio Calatayud, o fiscal Ángel Arjona, así como psicólogos forenses e catedráticos de Psicoloxía. O obxectivo principal do evento é sensibilizar á sociedade e reforzar a prevención e a resposta institucional ante a violencia de xénero.