Albeiros denuncia ser o barrio máis esquecido da cidade de Lugo

LugoXa
Dende a Asociación San Lorenzo de Albeiros denuncian que a dotación de fibra óptica no barrio é completamente inexistente.
conexion-ordenador-mobil
conexion-ordenador-mobil
1 jul 2021

Dende a Asociación veciñal San Lorenzo de Albeiros –integrada na Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo-, presidida por Fernando Rois Rois, "manifestamos o noso profundo malestar por constatar, unha vez máis, que o barrio da capital lucense Albeiros, segue sendo un dos grandes esquecidos para as Administracións en canto á dotación de servizos públicos e medidas que garantan o adecuado desenvolvemento das actividades propias da vida cotiá dos veciños e veciñas en pleno ano 2021".

Así pois, dende a asociación refírense, nesta ocasión, á dotación de fibra óptica "que no noso barrio de Albeiros é completamente inexistente a data de xullo de 2021, cos graves inconvenientes que carrexa en canto a grao de conectividade e cobertura que posibiliten a comunicación cun grao de calidade razoable e esperable do ano en que nos atopamos".

Ademais, engaden que esta situación sitúaos, inevitablemente, nun agravio comparativo, "xa que na actualidade somos practicamente o único barrio da capital lucense onde a ausencia de fibra óptica é total. Situación que consideramos en todo punto inxusta e inaceptable".

Dende a Asociación veciñal San Lorenzo de Albeiros queren puntualizar que "non nos estamos pronunciando en detrimento de ningunha outra zona nin barrio; con todo, non consentiremos que o noso barrio siga sendo, unha vez máis, o gran esquecido".

Por tanto, a este respecto, dende a Asociación Veciñal San Lorenzo de Albeiros solicitan, con carácter urxente debido á importancia e necesidade do reclamo, que as diferentes Administracións, así como entidades implicadas, actúen ante esta carencia que afecta "directamente ao desenvolvemento da vida diaria dos veciños e veciñas do barrio lucense de Albeiros".