Alberto Losada, da Protectora de Lugo: “Non se pode explicar o que enche un animal a unha familia”

Jessica Fernández
Despois de que o presidente da Sociedade Protectora de Animais de Lugo, Alberto Losada, se reunira co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para presentarlles o proxecto para remodelar as actuais instalación situadas en Muxa; este séntense máis aliviado por saber que ambas institucións, así como a Xunta de Galicia, están de acordo e traballarán de maneira conxunta para que se faga realidade. Agora, serán os técnicos municipais os que deberán analizar se esta solución cumpre coa lexislación desde o punto de vista urbanístico. E, se se confirma esta viabilidade urbanística, tanto o Concello de Lugo como a Deputación comprometéronse en actuar para dar unha solución definitiva á situación da protectora, que aínda non están legalizadas debido a que hai caniles construídos sobre un regato subterráneo que atravesa a parcela, polo que a obra principal será a destrución destes caniles e deixar 7 metros de distancia co regato, condición que pon a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) para poder legalizar as instalacións, polo que “ese é o primeiro paso”, explica Losada.
As obras, que suporán, tal e como marca o proxecto, unha inversión de arredor de 700.000 euros, estarán sufragas polas tres institucións públicas, o Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, e a Xunta de Galicia, en partes iguais, tal e como explica Losada, que lembra que nos orzamentos municipais do Concello de Lugo deste ano 2025 hai reservados 500.000 euros para o desenvolvemento do proxecto e as obras. “Con ese diñeiro e a aportación da Deputación e da Xunta, poderiamos remodelar a finca anexa, cedida pola Deputación de Lugo, onde se atopa a zona de paseo dos cans, que é de 40.000 metros, e poder habilitar en total 150-200 caniles”, explica o presidente. “Este é un avance moi grande, o de que as institucións estean de acordo para poder levar a cabo a reforma que levamos planificando 7 anos e que mellorará as condicións de vida dos cans e dos gatos que temos”.
A seguinte fase despois da aprobación por parte de Urbanismo do proxecto, será “investir en crear uns caniles de corentena e de illamento, que non temos agora mesmo. Se ven unha pandemia dunha enfermidade canina ou gatuna, non temos onde meter os animais, o que facemos é tirar das casas de acollida e temos sorte porque a xente responde moi ben, pero nós non dispoñemos desas instalacións”. Despois, explica, é legalizar as instalacións, polo que se tirarán caniles preto do regato e deixarase o que esixe a CHMS, 7 metros de distancia a ambos lados do regato. E, despois, “construiremos caniles máis grandes e con mellores condicións, porque temos uns que poderían ser considerados como zulos, e deberiamos contar con instalacións que cumpran as esixencias que marcan as protectoras modernas, co menor estrés para os animais posible”, destaca.

A IMPLICACIÓN DA SOCIEDADE COA PROTECTORA
Alberto Losada comentou que son moi importantes as casas de acollida, sobre todo cando houbo enfermidades, xa que non hai caniles habilitados para corentena, pero tamén destaca as casas de acollida como un lugar onde darlle “a mellor vida a un can vello, que está a piques de morrer, porque sente o amor humano aínda que sexa nos seus últimos meses ou anos da vida”, explican. As casas de acollida supoñen que unha persoa leva o animal a súa casa, pero segue sendo “propiedade” da protectora, facéndose esta cargo dos seus cargos de veterinario e de alimentación. As casas de acollida son necesarias en casos nos que hai que apartar un animal san dun enfermo, para animais vellos, para cadelas ou gatas embarazadas que necesitan un lugar tranquilo para aleitar ás crías, ou para recuperacións de operacións; pero tamén é unha boa forma de encariñarse cun animal e quedar con el, propiciando no futuro unha adopción. O que teñen moi claro, di Alberto Losada, é que “os animais non son xoguetes temporais. Se unha persoa nos di que quere acoller dous meses un can para logo devolvelo, non llo damos, dicímoslle que é mellor que quede aquí, porque darlle o calor dun fogar para logo devolvelo á protectora é moi doloroso para o animal. Ás veces devólvennos animais porque non se adaptan coa familia e dános moita pena velos volver, porque a nosa intención é darlle saída a cada un dos animais que entran na Protectora, que son arredor de 600 ao ano. Tamén é certo que saen moitos e moitos están en casas de acollida durante varias etapas do ano. Contaremos con arredor de 300 e pico cans e 200 e algo gatos, pero centos deles en casas de acollida. Se nos devolveran agora todos os animais que están en casas de acollida, non caberían nas instalacións da Protectora”, recoñece.
Así, en xeral, valora moi positivamente a colaboración cidadá luguesa na Protectora: “Sentímonos apoiados e, cando facemos algunha acción ou campaña, a xente responde. Desde a súa creación no ano 1982 e con máis de 40 anos de traballo, podemos dicir que cada vez hai máis conciencia sobre o benestar animal e, por exemplo, cada ano en Nadal conseguimos recadar arredor de 20.000 euros coa Lotería de Nadal, co que sufragamos moitos dos gastos da Protectora. Ademais, o primeiro sábado de cada mes facemos unha acción de Kiwoko, de 10.00 a 22.00 horas, para recoller penso e súmase moita xente”. Ademais, non só valoran á xente de Lugo, senón tamén a moita outra que adopta doutros lugares, e non falamos da Coruña ou Ourense, falamos de persoas de Reino Unido que solicitan unha adopción. “Nós mandamos moitos cans de viaxe a persoas que namoraron de cans que tiñamos. Agora menos, pero tamén o seguimos facendo. Cabe resaltar unha vez que veu un desde Suíza na súa avioneta particular a recoller un can, adoptouno e marchouse con el na avioneta. O que máis nos gusta é o despois, cando nos mandan fotos de como evolucionan eses animais nas casas”.
Con respecto á conciencia, sostén que “segue a haber maltrato animal, pero polo menos agora é noticia e perséguese, cousa que antes non. Antes podías ver un animal atado durante anos, que se tiña auga e comida, non era maltrato; agora iso cambiou e podemos actuar neses casos. Ao igual que cambiou a propia protectora, que cando se creou era unha “perrera”, xa que os cans estaban soltos, non había caniles e polas noites había pelexas, nas que atopaban cans mortos pola mañá. Agora, o concepto “perrera” non nos gusta nada, porque o noso labor non é simplemente acoller, senón protexer, por iso somos protectoras que coidan, alimentan e sanan animais”.
Ademais, destaca a colaboración entre entidades co mesmo obxectivo: “Estamos en contacto con outras protectoras ou residencias caninas, como Garatuxa, onde temos varios dos nosos animais. Ademais, tamén colaboramos con Michos Lugo, que se encarga das colonias de gatos de Lugo; temos colaboración con Alma Animal, coa protectora de Sarria, O Camiño... É dicir, toda a colaboración que poidamos ter para darlle saída aos animais e protexelos é o que promovemos. Así como outro tipo de accións e campañas enfocadas en sacar os animais á rúa, que é unha parte moi importante, xa que conseguimos a adopción. Por exemplo, estivemos nunha andaina con algúns cans, estivemos nun partido do Breogán onde conseguimos que unha persoa adoptara a un can... Todas estas accións axudan a cumprir o obxectivo”.

PRESENTE E FUTURO
A Protectora de Animais de Lugo conta con sete persoas empregadas e arredor de 15 persoas, sobre todo os sábados, cando a xente ten máis tempo para vir e sacar os cans a pasear ou xogar con eles. Pero, ademais, as persoas poden ser socias ou madriñas ou padriños, que consiste en apadriñar un can e “protexelo”, aportando máis diñeiro que un socio e preocupándose por que ese animal atope un fogar. “Adoptar é bo para o animal, pero tamén para quen adopta, porque dá amor, compañía, obrígate a saír pasear, a coidar doutro ser vivo... Non é explicable con palabras o que enche un animal nunha familia. E moitas veces a xente, cando se lle morre un can ou un gato di que non quere máis porque sofre, pero eu diría que eses 10 ou máis anos que conviviu con ese animal, mereceron a pena, e que sempre compensa e é bonito volver vivilo, ademais de que se lle dá unha oportunidade a un ser que tamén merece cariño”.
Pero, sostén, que o “ideal” sería que “a Protectora acabara desaparecendo. O noso obxectivo é sacar a cantos máis animais, mellor, conseguindo unha casa para todos eles e que non haxa máis abandono nin maltrato, pero a cousa vai pouco a pouco. A sociedade vai cambiando; era impensable hai 25 anos que os Bombeiros rescataran a un gato pechado na casa, pero hoxe faise”. Porén, lembra que segue a haber xente que non ten esa conciencia “e temos que ter coidado. Ás veces vén unha persoa e dinos que quere un can porque ten unha leira soa e que quere un can para protexela e nós dicímoslle que, nesas condicións, non o leve. Os cans que veñen aquí xa veñen en circunstancias comprometidas e non queremos ser parte delas”.
Con respecto á Lei do Benestar Animal, Losada defende que “cando saíu, asustou moito á xente e creo que algún animal morreu a causa dela, porque moitas persoas preferiron desfacerse dos animais a cumprir a norma. Unha vez chamounos un señor dicindo que nos levaba os cans porque pola semana estaba con eles na casa pero as fins de semana non e, para non ter multas, que ou os levabamos ou os soltaba no monte. Xente así, por desgracia, segue habendo. Pero, en xeral, a Lei establece unhas normas que consideramos xustas. Ter os animais con microchip para localizalos é algo bo para os donos e para os animais. Realmente, deberían poñer máis multas”.
Por outro lado, Losada cre que “non se pode prohibir absolutamente a venda de animais”, preguntado por que opina dos núcleos zoolóxicos que si permite a Lei. “Os criadores teñen dereito a vender os cans de raza, aí non nos podemos meter. Se alguén quere pagar 3.000 euros por un can de raza cando aquí hai centos de cans esperando unha oportunidade para ser adoptados e que o necesitan e por 0 euros, que cada un decida” Incluso, comenta que hai “cans atascados”, que levan na Protectora moitos anos e que non consiguen atopar un fogar. Así, espera que a mentalidade da sociedade con respecto aos animais, concretamente cans e gatos, siga evolucionando, e que cada vez saian máis animais da Protectora e atopen un fogar definitivo.