Alcaldes da Mariña piden retrasar as eleccions

TerraChaXa | LugoXa
Varios alcaldes da Mariña, dos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Viveiro, O Valadouro, Trabada, Ribadeo e Ourol fixeron un escrito de urxencia a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
aconsulta
8 Xul 2020

Varios alcaldes da Mariña, dos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Viveiro, O Valadouro, Trabada, Ribadeo e Ourol fixeron un escrito de urxencia a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

No que declaran que "actuarán de forma leal e co debido compromiso, como sempre fixeron, destinando  todos os medios á súa disposición para conter o rebrote do COVID-19 na bisbarra e acatando todas cas medidas que as autoridades sanitarias indiquen, sempre que os medios dos que dispoñen así o permitan".

Os concellos "non dispoñen de medios, capacidade, recursos, experiencia nin competencia algunha conforme a lexislación vixente para facerse cargo das disposicións recollidas no DOG do 5 de xullo, lexislación toda ela que foi promulgada para a xestión ordinaria en situación de normalidade, pero en ningún caso contempla nin recolle a abordaxe que require unha situación de excepcionalidade como é a pandemia provocada polo COVID-19". Polo tanto, declarn a imposibilidade de asumir en condicións de seguridade para os veciños as competencias atribuídas mediante a mencionada orde, tal e como marcan os artigos 80 e 81 da Lei 8/2008. Consideran unha "grave irresponsabilidade da Xunta de Galicia eludir a responsabilidade epidemiolóxica que lle corresponde a quen ten as competencias exclusivas en sanidade e saúde pública e trasladarllas a uns concellos que, segundo o espírito da lei, unicamente son responsables no relacionado coa salubridade dos seus municipios: lixo, limpeza viaria ou ruído ambiental e que non contan con medios suficientes para garantir a prestación de novas competencias".

Queren trasladar a necesidade de contar con datos contrastables e fiables no que respecta á situación do brote na Mariña, dados os continuos cambios nos criterios escollidos para facer públicos os datos e as informacións contraditorias que se teñen manifestado nos últimos días; a efectos de poder o coñecer a situación real e a posibilidade de actuación nos respectivos territorios.

Solicitan da Conselleríade Sanidade da Xunta de Galicia a "toma de liderado da situación do rebrote dado o carácter  supramunicipal do mesmo e a toma de control executivada coordinación de todas as medidas a dispoñer para controlar a incidencia da pandemia na Mariña de Lugo".

A efectos de lograr unha maior coordinación dos medios existentes e unha maior eficiencia, consideran oportuno constituir con carácter urxente para garantir a operatividade das medidas un Centro de Coordinación Cooperativa (CECOP presidido polo Director do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia ou persoa en quen delegue e do que deben formar parte como mínimo: Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, A.P. e Xustiza, delegación do Goberno, conselleiro de Sanidade, SXT de Política Social, SXT de Cultura e Turismo, secretaría Xeral de Emprego, pesidente de Sogama, director Xeral de Emerxencias e Interior, xerente Axega, Asesoría Xurídica xeral, director Xeral de Saúde Pública, xerente do Sergas, Director do 061, secretaría Xeral de Medios, dirección do gabinete do presidente, presidente FEGAMP ou persoa en quen delegue.

Tamén solicitan con carácter urxente a creación dunha Sala de Coordinación Operativa (SACOP) na que deberán estar: Sergas 061, Axega 112, Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica (UPA).

Así como rogan ao presidente da Xunta, Núñez Feijóo, o retraso das eleccións no distrito sanitario da Mariña en tanto non se certifique o control do rebrote de COVID-19 na Mariña, única forma posible de que se garanta o exercicio do voto en condicións seguras e legais.

O protocolo existente para as garantías sanitarias na celebración das eleccións foi elaborado para unha situación de previsible nova normalidade e control do virus e neste momento, no que os casos de contaxio seguen aumentando, "a comarca da Mariña non se atopa nunha situación de normalidade sanitaria, especialmente cando se permite o voto a persoas en seguimento por risco directo de contaxio, e está acreditado o contaxio asintomático na maioría dos casos", engaden.

Os representantes dos concellos consideran que non se dan as garantías sanitarias suficientes "nin existe protocolo sanitario adecuado á situación actual, polo que consideran que o único xeito de garantir unha participación nos comicios galegos en liberdade e igualdade para todas as persoas electoras é a suspensión das votacións en dito distrito sanitario por existir un claro risco sanitario, non só para as persoas votantes, senón especialmente importante para as persoas que forman parte das mesas". Con estas aseveracións, trasladan a consideración a respecto da posible responsabilidade que pode derivarse no suposto en que exista algún contaxio na xornada electoral e, nomeadamente, entre as persoas que conforman as mesas ou forman parte do operativo posto a disposición da administración electoral para o desenvolvemento da xornada; deixando a salvo a responsabilidade de quen subscribe e das administracións representadas.

 

0.17005491256714