Alcer Lugo organiza a segunda edición da carreira solidaria 'Donar é Amar'

Lugo acollerá o domingo 1 de xuño a segunda edición da carreira solidaria 'Donar é Amar', unha iniciativa organizada por ALCER Lugo (Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril).
O evento busca concienciar sobre a importancia da doazón de órganos e recaudar fondos para apoiar a labor da entidade, que traballa coas persoas afectadas por enfermidades renais.
A xornada deportiva e solidaria comezará a partir das 10:30 horas, cun percorrido que terá como punto de saída e chegada as inmediacións da Praza Maior de Lugo, xunto ao Concello.
A primeira proba será a andaina non competitiva, aberta a todas as idades, cun trazado de 3.000 metros que rodeará a Muralla Romana. Esta modalidade está pensada para aquelas persoas que desexen participar camiñando, sen distinción por idade nin carácter competitivo.
Ás 11:00 horas, será a quenda das categorías SUB14 e SUB16, que realizarán tamén un percorrido de 3.000 metros. Dez minutos despois, ás 11:10 horas, participarán as categorías SUB10 e SUB12, cunha distancia de 960 metros ao redor da Praza de España. Ás 11:20 horas, os máis pequenos, a categoría “PITUFOS”, realizarán unha proba simbólica e non competitiva de 130 metros, dende o Círculo das Artes ata o Concello. Finalmente, ás 11:30 horas, comezará a carreira para as categorías SUB18 e demais categorías absolutas, que percorrerán 5.200 metros, correspondentes a dúas voltas completas á Muralla.
As persoas interesadas poderán recoller os seus dorsais nas oficinas de ALCER Lugo, situadas na Avda. Infanta Elena, 11 (Casa Clara Campoamor, locais 5-7), os días venres 30 de maio, en horario de 10:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00, e o sábado 31 de maio de 10:00 a 13:00 horas.
Para aqueles participantes que se desprazan dende fóra do concello, a organización habilitará unha carpa na zona de saída o mesmo día do evento, desde as 9:00 horas, para a recollida dos dorsais.