Alcer Lugo reivindica a saúde renal coa vista posta no Día Mundial do Ril

LugoXa
A entidade organiza actividades informativas e de prevención na cidade para concienciar sobre a enfermidade renal e a sustentabilidade nos tratamentos
Alcer-Lugo-actividades-Día-do-Ril
11 Mar 2026

Con motivo do Día Mundial do Ril, que se celebra cada ano o 12 de marzo, Alcer Lugo reivindica que a saúde renal ocupe o lugar que lle corresponde na axenda pública.

A presidenta, María José Otero Díaz, subliña que “desde ALCER reclamamos que a saúde renal ocupe o lugar que lle corresponde na axenda pública. Non podemos esperar a que a Enfermidade Renal Crónica se converta na quinta causa de morte no noso país para actuar. É o momento de investir en prevención, detección precoz e en educación sanitaria, para mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade renal".

Este ano, baixo o lema ‘Saúde renal para todos: coidando á xente, protexendo o planeta’, di que "queremos lembrar que a sustentabilidade tamén forma parte do coidado da saúde. Promover modalidades de tratamento máis eficientes, sen menoscabar a calidade dos tratamentos, para que sexan menos contaminantes, é unha responsabilidade compartida coas administracións sanitarias".

En Lugo, as actividades comezarán este mércores 11 de marzo, cunha mesa informativa sobre prevención da enfermidade renal, hábitos saudables e medición da tensión arterial na Biblioteca Intercentros e na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, de 10.00 a 13.00 horas. O xoves 12 de marzo repetirase a mesma iniciativa no Concello de Lugo, na Deputación e no HULA, mantendo o mesmo horario.

0.12869906425476