Alcer Lugo reivindica a saúde renal coa vista posta no Día Mundial do Ril

Con motivo do Día Mundial do Ril, que se celebra cada ano o 12 de marzo, Alcer Lugo reivindica que a saúde renal ocupe o lugar que lle corresponde na axenda pública.
A presidenta, María José Otero Díaz, subliña que “desde ALCER reclamamos que a saúde renal ocupe o lugar que lle corresponde na axenda pública. Non podemos esperar a que a Enfermidade Renal Crónica se converta na quinta causa de morte no noso país para actuar. É o momento de investir en prevención, detección precoz e en educación sanitaria, para mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade renal".
Este ano, baixo o lema ‘Saúde renal para todos: coidando á xente, protexendo o planeta’, di que "queremos lembrar que a sustentabilidade tamén forma parte do coidado da saúde. Promover modalidades de tratamento máis eficientes, sen menoscabar a calidade dos tratamentos, para que sexan menos contaminantes, é unha responsabilidade compartida coas administracións sanitarias".
En Lugo, as actividades comezarán este mércores 11 de marzo, cunha mesa informativa sobre prevención da enfermidade renal, hábitos saudables e medición da tensión arterial na Biblioteca Intercentros e na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, de 10.00 a 13.00 horas.
O xoves 12 de marzo repetirase a mesma iniciativa no Concello de Lugo, na Deputación e no HULA, mantendo o mesmo horario. Así, desde o HULA defenden que a campaña 'Conexións (In)visibles', "é unha iniciativa que pon a disposición da cidadanía unha experiencia de realidade virtual orientada a mellorar o coñecemento sobre a enfermidade renal crónica (ERC)".
A experiencia estará dispoñible na entrada do HULA, onde se instalará un stand desde as 9.30 ata as 14.00 horas. As persoas que o desexen poderán participar utilizando unhas gafas de realidade virtual que lles permitirán achegarse á realidade cotiá desta patoloxía e comprender mellor o seu impacto na vida diaria.
Durante a actividade, profesionais do servizo de Nefroloxía estarán presentes para guiar a experiencia e explicar de forma próxima e didáctica os principais factores de risco da enfermidade, o proceso de diagnóstico e a estreita interconexión existente entre os riles, o corazón e o metabolismo, xa que a alteración dun destes sistemas pode influír directamente no funcionamento dos outros.
Ademais, con motivo desta xornada conmemorativa, o Hospital Universitario Lucus Augusti tamén acollerá mañá xoves, día 12 de marzo, outra actividade divulgativa baixo o lema “Coida os teus riles, coida da túa vida”, que terá lugar na biblioteca do hospital. O programa da xornada comezará ás 13:30 horas coa apertura institucional a cargo de Natalia Lobato, secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, e de Ramón Ares Rico, xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.