'Aldeia', un proxecto para coidar das persoas maiores que viven soas, gaña o Terra Creative Jam

O proxecto 'Aldeia', unha ferramenta baseada na intelixencia artificial para detectar posibles anomalías nas rutinas das persoas maiores que viven soas e alertar as súas familias, foi o gañador do Terra Creative Jam, celebrado os días 24 e 25 de outubro na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no Campus de Lugo. A iniciativa está impulsada polos estudantes Adrián Otero, Jennifer López, Inés Verdes e Gisela Villanueva e busca ofrecer tranquilidade ás familias e favorecer que as persoas maiores permanezan conectadas coa súa contorna.
A proposta resultou vencedora nun encontro creativo e de innovación destinado a fomentar a implicación da mocidade e da comunidade universitaria coas zonas rurais, mediante ideas que contribúan ao seu desenvolvemento sostible. O sistema 'Aldeia' rexistra patróns de comportamento e permite identificar posibles alteracións na actividade habitual das persoas maiores, co obxectivo de avisar os seus familiares ante calquera cambio relevante.
O segundo premio foi para 'Fartura na Rúa', de Icaro Santana, Jesús Álvarez, Iris Faria e María González. Este proxecto propón un programa multimedia que utiliza a cociña como punto de partida para formar persoas do rural e da terceira idade no uso de ferramentas dixitais e tecnoloxías modernas. A través de pequenos talleres, busca facilitar tarefas cotiás mediante dispositivos como as freidoras de aire ou asistentes de voz como Alexa.
Pola súa banda, Víctor Pombo, Cristóbal Aceituno, Elisa López, María Carollo e Roberto Penas acadaron o terceiro posto con 'FOSSO', unha iniciativa que propón aproveitar os residuos das fosas sépticas para producir biogás destinado á calefacción e elaborar compost. O proxecto pretende impulsar a economía circular e a sustentabilidade no rural e contempla unha experiencia piloto na parroquia de Coeses, en Lugo.
As propostas premiadas poderán acceder a apoio institucional, posibles vías de financiamento e oportunidades para incubar e desenvolver os seus proxectos no marco de LIRES ou a través dos programas de emprendemento da USC. O obxectivo é facilitar que as ideas presentadas se convertan en iniciativas empresariais ou servizos reais.
O Terra Creative Jam enmárcase no proxecto europeo POCTEP 'Laboratorios de Innovación Rural e Emprendemento Sostible' (LIRES), liderado pola USC a través do Campus Terra de Lugo. O consorcio está integrado por Vida Láctea, TecMinho, UTAD, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, In.Cubo, a Comunidade Intermunicipal do Ave e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL).
LIRES busca impulsar o emprendemento entre a mocidade rural de Galicia e o norte de Portugal, con especial atención ás mulleres, mediante un programa híbrido de formación e acompañamento. A finalidade é favorecer a creación de novas empresas, produtos e servizos que contribúan a unha economía rural sostible.