Alertan de que a auga da traída en Portomarín non é apta para o consumo

LugoXa
Segundo os socialistas, os informes mostran que a auga non cumpre cos parámetros de calidade necesarios
auga-portomarín
6 sep 2024

O grupo municipal socialista de Portomarín alerta do estado da auga subministrada no municipio, despois de recibir os resultados de análises realizadas de forma independente. Segundo os socialistas, os informes mostran que a auga non cumpre cos parámetros de calidade necesarios para ser apta para o consumo humano. O voceiro do PSOE en Portomarín, Marcos Arias, explicou que a decisión de analizar a auga se tomou en resposta a numerosas queixas da veciñanza.

“Os resultados evidencian que os parámetros da auga están moi alterados, confirmando a presenza de elementos contaminantes que representan un grave risco para a saúde”, afirmou Arias. Os socialistas alertan de que a situación, que se agravou nos últimos meses, é indicativa dunha falta de mantemento e control adecuado sobre o subministro de auga potable. “Non podemos permitir que a nosa veciñanza teña que consumir auga que non é segura. É unha cuestión de saúde pública e debe ser tratada como tal”, subliñou o portavoz.

Arias instou ao goberno municipal a tomar medidas urxentes para resolver o problema e esixiu transparencia e comunicación directa coa cidadanía. “É inadmisible que a situación se prolongue sen unha resposta clara. Os veciños e veciñas teñen dereito a saber o que está a acontecer e cales son as solucións que se están a implementar”, indicou. Nos últimos días, a auga que chega ás vivendas de Portomarín presenta un aspecto turbio, facendo que sexa inapropiada tanto para o consumo humano como para tarefas cotiás como cociñar, lavar a roupa ou ducharse. Esta situación está a causar graves prexuízos ás familias e tamén aos hostaleiros locais, que dependen dunha subministración de auga limpa para manter os seus negocios en funcionamento.

Os socialistas temen que esta situación afecte non só á actividade económica, senón tamén á imaxe do municipio, especialmente en tempos de alta afluencia de peregrinos. Marcos Arias tamén anunciou que alertará á Consumo sobre o estado da auga e pediu ao alcalde que priorice os investimentos e proxectos necesarios para mellorar o sistema de subministración de auga en Portomarín. “O alcalde debe deixar de realizar obras que non son urxentes e centrar os seus esforzos en solucionar os problemas reais dos veciños e veciñas”, concluíu o portavoz do PSOE.

0.20862483978271