Alfredo Llano foi reelixido alcalde de Burela

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Alfredo Llano foi reelixido alcalde de Burela no pleno celebrado este mediodía.
IMG 20180319 WA0018
7 Dec 2019

Alfredo Llano foi reelixido alcalde de Burela no pleno celebrado este mediodía. Foi o último rexedor galego en tomar posesión do seu cargo, xa que o pasado 17 de novembro debéronse repetir os comicios nunha mesa electoral. Llano contou co apoio da súa formación, o PSOE, e coa abstención de PP e de BNG.

No discurso de investidura dixo que afronta con ilusión o que será o seu terceiro mandato e subliñou que o Concello de Burela conta cun remanente de tres millóns de euros.

Alfredo Llano declarou esta tarde que “o de hoxe foi un pleno que xa se esperaba desde hai moito tempo, hai que darse conta que esta sesión tiña que terse celebrado o pasado mes de xuño, que era cando correspondía. Estivemos moito tempo en funcións, o que quere dicir que Burela non estivo a funcionar dun xeito normal, senón que fixemos só o que se podía. Non se podían tomar decisións en firme nin aprobar cuestións coma os orzamentos, a relación de postos de traballo, asuntos relativos a contratación, etc. Houbo unha serie de limitacións que impediron o bo facer do Concello de Burela”.

O rexedor dixo que “hoxe tivemos o pleno de investidura. O PSOE foi a forza máis votada nas pasadas eleccións das sete que se presentaron. E non houbo candidatos nin por parte do PP nin do BNG, por tanto fun reelixido alcalde cos votos a favor do PSOE e coa abstención dos outros dous grupos”.

Para o alcalde de Burela “corre presa normalizar a situación, hai que preparar os orzamentos e atender outras cuestións, que son tamén importantes, por tanto canto antes se faga o pleno de organización mellor”.

Llano lembrou que “estivemos en conversas co BNG por si quería entrar no goberno e hai uns flocos pendentes. Mentres non sexa o pleno de organización seguiremos a falar para ver si compartimos goberno ou si chegamos a acordos puntuais. Xa veremos cómo definimos a nosa relación. O que si faremos entre todos, supoño eu, será traballar por Burela, polos veciños, para que se sintan ben representados, para que se vexa que Burela avanza e que exista progreso durante o tempo que queda de lexislatura. Tentaremos facelo do mellor xeito posible, sempre pensando nos obxectivos comúns que son beneficiar  no seu conxunto aos nosos veciños e veciñas de Burela”.

O alcalde de Burela referiuse ao pleno de organización: “hai 30 días hábiles para realizalo, polo que poderíamos irnos ata o 7 ou 10 de xaneiro, pero hai que procurar facelo antes para poñerse a traballar. Hai presa para normalizar a situación do Concello. Si pode ser antes do Nadal mellor sería, pero senón fose así tería que realizarse inmediatamente despois destas festas. Imos procurar apurar, si”.

Burela cumprirá no 2020 os 25 anos da súa constitución como Concello despois de segregarse de Cervo.

0.14021396636963