Altri amosa a repercusión económica do proxecto nunha reunión coa CEL e a Cámara de Comercio de Lugo

LugoXa

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de Lugo acolleu unha reunión con representantes do equipo directivo de Greenfiber (Altri), cuxo obxectivo foi dar a coñecer diversos aspectos vinculados ao proxecto GAMA e mostrar a súa repercusión na dinamización económica da zona a través da creación dunha industria pioneira baseada na produción de Lyocell, unha fibra téxtil de base celulósica e, por tanto, 100 % biodegradable.

reunion_altri_camara_lugo
reunion_altri_camara_lugo
18 abr 2024

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de Lugo acolleu unha reunión con representantes do equipo directivo de Greenfiber (Altri), cuxo obxectivo foi dar a coñecer diversos aspectos vinculados ao proxecto GAMA e mostrar a súa repercusión na dinamización económica da zona a través da creación dunha industria pioneira baseada na produción de Lyocell, unha fibra téxtil de base celulósica e, por tanto, 100 % biodegradable.

Durante a presentación técnica, Bruno Dapena, director do proxecto, incidiu no obxectivo da compañía de trasladar á contorna de Palas de Rei o modelo da fábrica Biotek de Altri en Portugal. Quixo destacar o valor do proxecto GAMA para impulsar unha industria cunha tecnoloxía de produción pioneira “que permite valorizar en Galicia madeira que hoxe se está vendendo fóra da comunidade e aspira, nun futuro, a terminar de pechar o ciclo coa reciclaxe da industria téxtil”.

O elevado nivel de esixencia ambiental foi outro da apartados da charla, tanto desde o punto de vista de emisión de partículas como do tratamento da auga, que se devolve na súa práctica totalidade ao río sen alterar as súas condicións actuais. “O noso compromiso e a nosa tecnoloxía permitiunos ir máis aló do que marca a lei”, afirmou o directivo. O capítulo da xeración de emprego e as políticas de formación foi abordado por Olga López Arias, responsable de Recursos Humanos de Greenfiber, que destacou que o compromiso da empresa co seu persoal é sempre favorecer a formación e empregabilidade da comunidade onde está asentada.

Emprego

“Polo que priorizaremos a contratación de profesionais da zona e do resto de Galicia, captando talento e mozos coa capacitación e experiencia necesaria para levar a cabo o proxecto, e ofrecendo posibilidades de formación a aqueles que nestes momentos non a posúen”, asegurou. Segundo trasladou a directiva aos empresarios, o persoal proxectado para facer fronte á capacidade produtiva de Gama rolda os 500 empregos directos e uns 2.000 empregos indirectos, así como máis de 4.000 empregos en momentos pico durante a edificación da fábrica.

Pola súa banda, o presidente da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Lugo e secretario xeral da CEL, Jaime Luis López Vázquez, e o resto de empresarios que asistiron ao encontro interesáronse por cuestións como a empregabilidade local ou as previsións de crecemento na capacidade de produción da fábrica de Palas de Rei e agradeceron aos directivos a información trasladada e a súa disposición para seguir profundando no coñecemento do proxecto Gama.