ALUCEM convida a camiñar pola esclerose múltiple este sábado en Lugo

A asociación ALUCEM volverá saír á rúa para dar visibilidade á esclerose múltiple. A entidade sumouse un ano máis á campaña "CaminEMos por la esclerosis múltiple", promovida pola Asociación Española de Esclerosis Múltiple (AEDEM), cunha convocatoria aberta á súa comunidade e tamén a familiares e amizades.
A actividade terá lugar este sábado, 12 de setembro, e comezará ás 12.00 horas na contorna da Ponte Romana de Lugo. Desde este punto, as persoas participantes realizarán unha breve andaina polo Paseo Fluvial como mostra de apoio ás persoas afectadas pola enfermidade.
A proposta pretende aproveitar o carácter participativo da iniciativa para achegar a realidade da esclerose múltiple á sociedade e favorecer un maior coñecemento sobre esta enfermidade. Desde ALUCEM destacan a importancia de avanzar cara a unha sociedade máis informada, empática e inclusiva.
A xornada contará ademais cunha mesa informativa situada na zona da Ponte Romana. Nela, a asociación dará a coñecer o traballo que desenvolve e ofrecerá información sobre a súa actividade e o acompañamento que presta ás persoas afectadas pola esclerose múltiple e ás súas familias.
ALUCEM anima así ás persoas que forman parte da asociación, así como aos seus familiares e amizades, a participar nesta iniciativa e converter a andaina nunha oportunidade para compartir, visibilizar e sensibilizar arredor da esclerose múltiple.