ALUCEM instala mesas informativas no HULA e na Xunta polo Día Mundial da Esclerose Múltiple

A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) conmemorará este luns, 1 de xuño, o Día Mundial da Esclerose Múltiple coa instalación de varias mesas informativas en distintos puntos da cidade de Lugo.
Entre os espazos elixidos atópanse o edificio administrativo da Xunta de Galicia, na Ronda da Muralla, o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), e fronte á Deputación de Lugo, en San Marcos, onde a entidade ofrecerá información e asesoramento á cidadanía desde as 10:00 horas.
A iniciativa busca achegar á poboación a realidade das persoas que conviven con esta enfermidade neurolóxica, así como dar a coñecer os recursos e servizos que presta a asociación. Ademais, as mesas servirán para sensibilizar sobre os retos aos que se enfrontan diariamente os pacientes e as súas familias.
A xornada enmárcase dentro da campaña impulsada pola Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) con motivo desta efeméride, centrada este ano na necesidade de mellorar a atención sanitaria que reciben as máis de 4.500 persoas con esclerose múltiple en Galicia.
Segundo os datos recollidos pola federación, as listas de espera para consultas e probas diagnósticas continúan sendo unha das principais preocupacións das persoas afectadas. A isto súmanse as dificultades para acceder a servizos de rehabilitación continuada, fundamentais para manter a autonomía e a calidade de vida dos pacientes.
Desde ALUCEM destacan tamén o papel que desempeñan as asociacións na atención integral ás persoas con esclerose múltiple, ofrecendo apoio, orientación e servizos especializados que complementan os recursos do sistema público de saúde.
Pola súa parte, o deputado Pablo Rivera Capón recordou que a institución provincial achega 10.000 euros é entidade lucense “para apoiar o programa de atención integral que desenvolven desde o colectivo e co que tratan de cubrir necesidades específicas dos pacientes que padecen esta enfermidade que afecta a máis de 3 millóns de persoas en todo o mundo”.