ALUCEM organiza un obradoiro de fotografía co móbil no Vello Cárcere de Lugo

LugoXa
A actividade, impartida por Jordi Baldoví, celebrarase o martes 17 de novembro ás 18:00 horas e ensinará técnicas de composición, configuración do teléfono e edición de imaxes
edificio-O-Vello-Cárcere-Lugo-portada
15 Nov 2026

A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) organizará o vindeiro martes, 17 de novembro, un obradoiro de fotografía co móbil no Vello Cárcere de Lugo. A sesión, que comezará ás 18:00 horas, estará impartida por Jordi Baldoví e enmárcase no proxecto da Escola de Escritores e Escritoras EMCreativo.

A actividade está especialmente dirixida ás persoas socias de ALUCEM e aos participantes de EMCreativo. O obradoiro busca demostrar que non é necesario dispoñer dunha cámara profesional nin dun teléfono de gama alta para conseguir boas fotografías, senón que a mirada e o coñecemento das técnicas teñen un papel fundamental.

Durante a sesión, as persoas asistentes aprenderán a configurar o smartphone, activar ferramentas como a cuadrícula ou a máxima resolución e utilizar o formato RAW. Tamén traballarán aspectos como o enfoque, a exposición manual, o movemento físico para achegarse aos obxectos en lugar de recorrer ao zoom dixital e o uso de perspectivas diferentes.

O programa incluirá unha dinámica práctica na que deberán fotografar obxectos cotiáns nun reto de tres minutos, así como unha demostración de edición de imaxes con aplicacións gratuítas como Snapseed ou Lightroom Mobile.

A iniciativa conta coa colaboración de Nexo Artistas, O Vello Cárcere, o Concello de Lugo e a Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia.

0.12194585800171