ALUCEM pon en marcha dous novos programas de apoio e estimulación cognitiva en Lugo

A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) amplía este mes de novembro a súa oferta de actividades con dous novos programas centrados no benestar, o apoio mutuo e a prevención do deterioro cognitivo. As iniciativas contan co apoio do Plan de Prioridades da Fundación ONCE e estarán coordinadas pola psicóloga sanitaria da entidade, Lidia González.
O primeiro deles é o Programa de Apoio e Vivencia Compartida, dirixido a persoas diagnosticadas de esclerose múltiple, independentemente da fase da enfermidade na que se atopen. A proposta busca crear un espazo seguro de encontro entre iguais no que compartir experiencias, expresar preocupacións e ofrecerse apoio mutuo. As sesións celebraranse o terceiro martes de cada mes e comezarán o 17 de novembro, ás 12:00 horas, cunha xornada centrada na xestión da enerxía, o autocoidado e a fatiga. Poderase participar presencialmente no ximnasio do centro ou a través de Google Meet.
A segunda iniciativa é o Programa de Estimulación e Prevención Cognitiva, destinado a persoas adultas a partir de 55 anos que non presenten deterioración cognitiva moderada ou severa. A actividade traballará capacidades como a memoria, a atención, a linguaxe e a organización da vida cotiá mediante sesións prácticas e participativas, sen exames e en grupos reducidos dun máximo de entre 10 e 12 persoas.
Neste caso, os encontros serán semanais, todos os xoves ás 11:00 horas, a partir do 19 de novembro, e terán unha duración de 60 minutos. Para incorporarse será necesario realizar previamente unha entrevista clínica individual e unha breve valoración neuropsicolóxica.
As persoas interesadas en participar ou solicitar máis información poden contactar co equipo de ALUCEM a través do correo electrónico lidialucem@gmail.com ou do teléfono 644 546 741.