ALUFI instalou unha mesa informativa no Pazo de San Marcos polo Día Mundial da Fibromialxia

A Asociación de Fibromialxia de Lugo instalou unha mesa informativa e de cuestación na entrada do Pazo de San Marcos con motivo da conmemoración do Día Mundial da Fibromialxia e Fatiga Crónica, unha xornada que se celebra cada 12 de maio co obxectivo de dar visibilidade a este síndrome de dor crónico e xeneralizado.
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, amosou o apoio da institución provincial ao colectivo e lembrou a colaboración económica que mantén a Deputación coa asociación “a través dunha achega económica de 3.000 euros”.
López puxo en valor o traballo diario que desenvolven asociacións e colectivos como ALUFI “tratando de mellorar o día a día dos seus usuarios e das súas familias e contribuíndo a sensibilizar á sociedade sobre unha enfermidade que segue sendo invisible para boa parte da sociedade”.
A iniciativa serviu tamén para achegar información á cidadanía sobre a fibromialxia e a síndrome de fatiga crónica, así como para continuar reclamando unha maior visibilidade e comprensión social cara ás persoas afectadas por estas doenzas.