Alumnado de Paradai coñece as profesións do mar de man do programa Movemento Azul

LugoXa
O delegado territorial da Xunta participou nesta iniciativa educativa que promove entre os máis novos o coñecemento do sector marítimo-pesqueiro
movemento-azul-ceip-paradai
15 Jun 2026

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe cos alumnos e alumnas do CEIP Paradai de Lugo na iniciativa Un mar de profesións, enmarcada no proxecto Movemento Azul, que impulsa o Goberno galego para achegar á mocidade galega ao ámbito marítimo-pesqueiro e dar a coñecer as oportunidades que ofrece este sector estratéxico para Galicia.

O centro lucense é un dos sete colexios galegos -o único da provincia- que acolle esta acción formativa na súa primeira edición. Na xornada participaron estudantes de 3º e 4º de Educación Primaria, que puideron descubrir dun xeito práctico e participativo diferentes profesións vinculadas á pesca e o marisqueo, así como á investigación científica e á navegación.

Villares destacou a importancia de achegar ás novas xeracións a realidade do sector marítimo-pesqueiro e, ao mesmo tempo, espertar o seu interese pola economía azul e fomentar valores relacionados coa protección e o coidado do medio mariño.

A actividade desenvolveuse nun espazo formativo específico organizado en tres estacións temáticas. Na primeira, dedicada á pesca e o marisqueo, os escolares coñeceron algunhas das artes de pesca tradicionais e sostibles, así como a importancia de respectar as tallas mínimas das especies, empregando instrumentos de medición como o calibre.

Na segunda estación, os participantes convertéronse en observadores científicos identificando especies mariñas autóctonas do litoral galego e afondando na riqueza da biodiversidade mariña; e na terceira, dedicada á navegación, os nenos e nenas aprenderon as nocións básicas para interpretar cartas náuticas e usar outros instrumentos para o trazado de rutas pesqueiras.

Ao remate da xornada, todos os participantes recibiron o ‘Pasaporte de profesión do mar’, un documento simbólico que acredita a súa participación nesta experiencia educativa e que recolle os coñecementos adquiridos sobre os distintos oficios vinculados ao sector marítimo-pesqueiro.

O delegado territorial puxo en valor o carácter divulgativo desta proposta, “que combina aprendizaxe e participación para familiarizar aos máis novos coa realidade dun sector que forma parte da historia e da identidade da nosa comunidade”.

0.12154698371887