Amado Lar, paixón pola danza

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
14 Mar 2020

Amado Lar prepárase un ano máis para participar nunha das festas máis destacadas do Valadouro, o Mercado de Primavera, o 28 de marzo, no que un dos actos principais será a súa actuación cos grupos de danzas. Non defraudarán como é tradicional aínda que nesta ocasión haberá un pequeno cambio, xa que a actuación será o día do pregón e non durante o mercado, como estes anos anteriores, debido aos problemas de espazo que había para atopar un lugar libre coa cantidade de xente que pasa por Valadouro nesta data.

O grupos que actuarán presentarán os seus novos traballos, que levan perfeccionando o último ano tralo cambio de profesores e a mistura dos diferentes conxuntos.

E é que Amado Lar non deixa de ser xa unha institución nesta localidade mariñá tras máis de trinta anos de historia, xa que foi creada no nan o 1985 e polas súas aulas teñen pasado centos de persoas e realizado imnumerables actuacións.

A ORIXE. Esta asociación naceu nos anos oiteta, nun momento de auxe das asociacións culturais e de recuperación das tradicións e na que o baile tradicional estaba en auxe. Respaldados por unha poboación grande e participativa, creceron durante anos, antes de que a perda de veciños pola emigración chegase tamén ás súas aulas.

De feito, a asociación contou coa súa propia coral e un grupo de teatro e coa caída poboacional de Valadouro fóronse perdendo no tempo. O que si se mantén con forza é o seu apartado folclórico. A día de hoxe manteñen tres liñas formativas, o baile, no que hai tres grupos de idade; as cantareiras e a gaita e percusión. En total, están a formar parte del máis de setenta persoas de todas as idades que pertencen a un ou a varias destas especialidades.

Tralo baixón experimentado nos últimos anos, Ángeles Vizoso, presidenta actual do grupo, ao que pertence dende a nenez, afirma que están a notar un rexurdimento do interese polo baile rexional que está a traer un aumento nas filas da asociación, na que están inscritas a día de hoxe preto de 90 familias da localidade. De feito, este interese é máis visible porque a aprendizaxe sempre trae algún coñecemento histórico aparellado que os mestres engaden ás súas clases.

A presenza de Amado Lar na vida cultural do Valadouro nótase en máis momentos do ano ademais do Mercado de Primavera. De feito, outro dos momentos importantes é a celebración da Mostra que fan unha semana antes das Festas do Oito, que teñen lugar no mes de setembro.

Nesa ocasión, organizan varias actuacións con grupos de intercambio, como a que realizaron o ano pasado, na que participou un grupo portugués. É sen dúbida unha semana para dar pulo ao tradicional e o folclórico e o momento para o que se traballa todo o ano.

Pero tampouco é o único, xa que Amado Lar tamén actúa por distintos lugares da Mariña e tamén de fóra e non deixa de colaborar co Concello organizando ou participando naquelas actividades que lles solicitan, como pode ser a Papanoelada moteira, a cabalgata de Reis ou mesmo o Entroido. Outra das súas citas habituais é a rapa de Santo Tomé, para dar a toque de cor a unha festa tan tradicional da zona coma esta.

Como compensación polo seu esforzo pola cultura local reciben unha axuda por parte do Concello, que tras as últimas negociacións permite aos directivos da asociación destinar unha parte a sufragar moitos dos gastos en vestiario e axudar así aos pais e membros do grupo a dispoñer da roupa necesaria para poder actuar sen necesidade de facer o gasto todo xunto.

VESTIARIO. De feito, unha directiva dunha xunta anterior destinou unha parte do seu tempo a elaborar un catálogo de pezas de vestiarios dispoñibles por tallas para poder ter un rexistro e poder facer préstamos. Ángeles Vizoso asegura que nesta idea se sigue traballando, como a opción de mercar lotes de tela para confección ou mesmo recomprar a roupa que se quedou pequena ás nenas e nenos da asociación para poder ser usada por outros.

Amado Lar ten as portas abertas e invita a todos os veciños e simpatizantes a achegarse a coñecelos para poder formarse en baile tradicional pero tampouco quere quedar só aí e non descartan recuperar o grupo de teatro “pero aínda queda moito camino por andar para iso”, engade Ángeles. Polo de pronto ideas hai moitas para seguir organizando cousas, como a talleres para manualidades ou mesmo para tratar temas parellos á danza tradicional como pode ser o almidonado de enagua, elaboración de colares, etc...

Para todo isto contan co seu propio local social preto do colexio, local que adquiriron pouco despois da súa constitución e que seguen mantendo para reunirse, ter as súas clases e realizar os seus ensaios.

0.096511840820312