Amancio Prada encheu o Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

LugoXa
O concerto reuniu música e poesía nunha velada especial que incluíu a participación de alumnos da Tradescola xunto ao músico Germán Díaz
Amancio-Prada-no-Fuxan-os-Ventos-de-Lugo
17 Mar 2026

Amancio Prada encheu o Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo cun concerto no que conmemorou os 50 anos da publicación do seu emblemático disco 'Rosalía de Castro'. O público respondeu cun auditorio completo e cunha acollida entusiasta que acompañou cada momento do recital.

Durante máis de hora e media, Prada ofreceu un percorrido musical que repasou medio século de diálogo entre a poesía e a música. O artista recuperou as cancións que nacen dos versos de Rosalía de Castro e que, co paso do tempo, se converteron nunha parte esencial da memoria colectiva da cultura galega.

A velada estivo marcada por un dos momentos máis emotivos da noite xa cara ao final do concerto, cando Amancio Prada sorprendeu ao público convidando ao escenario a un grupo de zanfonistas da Tradescola, acompañados polo seu mestre, o compositor e intérprete Germán Díaz.

Xuntos interpretaron pezas da tradición popular galega como “De ruada” e o “Romance de Don Gayferos”, nun encontro musical entre xeracións que emocionou ao auditorio e que foi recoñecido cunha longa e cálida ovación por parte do público asistente.

O concerto celebrado en Lugo forma parte da xira coa que Amancio Prada conmemora o medio século da publicación do disco Rosalía de Castro, editado en 1975. Trátase dunha obra considerada un fito na historia da música galega ao transformar os versos da poeta en cancións que seguen emocionando décadas despois.

A velada converteuse así nunha celebración colectiva da poesía galega e da súa capacidade para continuar inspirando novas xeracións, nun encontro no que música, palabra e tradición compartida volveron demostrar a súa forza.

0.084524154663086