Amigos da Feria de Castro de Rei celebra un magosto tradicional e acolle unha función de teatro este sábado

LugoXa | TerraChaXa
A programación comezará ás 20.00 horas coa obra Terra, voz e… acción!, da compañía Métátese Teatro e, a partir das 21.30 horas, o polideportivo reunirá aos participantes nunha nova edición desta festa
magosto-castañas-recurso
21 Oct 2026

O colectivo Amigos da Feira de Castro de Rei organiza este sábado, 24 de outubro, dúas actividades culturais e de lecer para todos os públicos: unha representación teatral no Teleclube de Castro de Rei e a celebración do magosto tradicional no pavillón polideportivo da localidade.

A programación comezará ás 20.00 horas coa obra Terra, voz e… acción!, da compañía Métátese Teatro. Trátase dunha comedia de 65 minutos de duración, dirixida a todos os públicos, que propón unha viaxe escénica entre a tradición e o presente a través da memoria da terra e da forza da palabra.

O espectáculo combina escenas que abordan cuestións como o amor, a identidade, a vida cotiá e as pequenas loitas humanas, cunha ollada crítica e poética. A proposta busca conectar co público mediante historias recoñecibles e reflexións sobre a sociedade actual.

Pola súa banda, a partir das 21.30 horas, o pavillón polideportivo de Castro de Rei acollerá unha nova edición do magosto tradicional, unha cita gastronómica arredor das castañas que ofrecerá un menú composto por sopa de cocido, cachola, polo, castañas, biscoito, bebida e café.

O prezo será de 12 euros por persoa para os socios e de 17 euros para os non socios. Os nenos e nenas menores de dez anos poderán asistir de balde.

As persoas interesadas en participar no magosto poderán formalizar a súa inscrición ata o venres, 23 de outubro, nos establecementos Claudio Grueira, chamando ao 982 31 41 40; Germán Naval, no 982 31 42 70; e Librería Maduca, no 982 31 44 23. Para anotarse será necesario facilitar o nome e os apelidos, o número de persoas asistentes e un teléfono de contacto.

0.15703392028809