Amigos do Patrimonio de Castroverde participará no XVI Encontro de Asociacións Culturais

A Amigos do Patrimonio de Castroverde participará o vindeiro 30 de maio no XVI Encontro de Asociacións Culturais, unha cita que reunirá colectivos de diferentes puntos de Galicia nunha xornada de convivencia, patrimonio e cultura na comarca de Ares e Cabanas.
A expedición partirá ás 7:45 horas desde a praza do concello de Castroverde, realizando unha segunda parada ás 8:00 horas na gasolineira do Carqueixo para a recollida de participantes.
Segundo o programa previsto pola organización, a recepción dos asistentes terá lugar entre as 9:15 e as 9:45 horas en Cabanas. Os grupos chegarán de forma graduada ata a parada de autobús da avenida Areal de Cabanas, na estrada N-651, para posteriormente trasladarse á oficina de turismo situada na mesma avenida, onde se dará a benvida oficial antes do inicio da actividade.
A andaina arrancará ás 10:00 horas desde a oficina de turismo de Cabanas e consistirá nun percorrido de 8,5 quilómetros pola beira norte da ría de Ares. A programación completarase cun xantar en Ares e distintas actuacións musicais e culturais ao longo da tarde.
O encontro está organizado por Agrupación Instrutiva de Caamouco, A Canteira de Neda, Amigos do Patrimonio de Castroverde e Arumes do Corgo, coa colaboración de diferentes entidades e concellos da comarca.