Amigos do Patrimonio de Castroverde percorren os museos da Capela e o casco histórico de Pontedeume

LugoXa
A excursión, celebrada o 14 de novembro, permitiu coñecer o patrimonio etnográfico das Terras do Eume e os principais espazos históricos da vila eumesa
Amigos-castroverde-Diante-da-Igrexa-de-Santiago-_Pontedeume-2026
15 Nov 2026

A Asociación Cultural Amigos do Patrimonio de Castroverde organizou o pasado 14 de novembro unha saída cultural á Capela e Pontedeume para coñecer diferentes espazos museísticos e elementos destacados do patrimonio histórico da comarca das Terras do Eume.

A primeira parada foi na Capela, onde os integrantes da entidade foron recibidos por Secundino García Mera, mestre e educador natural de Neda, que desempeñou un papel fundamental na recuperación do patrimonio etnográfico desta zona e impulsou a creación do Museo Etnográfico da Capela.

A visita comezou no Museo da Escola, situado na Casa da Cultura das Neves. Este espazo permite achegarse á evolución da educación e á historia das antigas escolas unitarias da contorna, desde mediados do século XIX ata a actualidade.

A continuación, o grupo desprazouse á Casa do Pazo, unha antiga casa reitoral da parroquia de Santiago da Capela reconvertida nun espazo dedicado á recreación dunha vivenda rural tradicional galega. Durante o percorrido puideron coñecer diferentes estancias e ámbitos da vida cotiá, como a cociña, os dormitorios, a sala de tecidos e os espazos vinculados aos antigos oficios.

Un dos momentos máis emotivos da xornada chegou ao remate desta visita. Quique, integrante da excursión, leu un texto dedicado a Secundino García Mera, o mestre ao que non volvera ver desde que tiña arredor de sete anos. Nas súas palabras expresou o cariño e a admiración que lle profesa, nun encontro que emocionou os participantes. A asociación agradeceu tanto as explicacións e a dedicación de Secundino como a intervención de Quique.

Pola tarde, despois do xantar, a expedición continuou cara a Pontedeume, onde a esperaba a guía Carla, encargada de acompañar o grupo polo patrimonio da localidade.

O percorrido comezou no Torreón dos Andrade, a antiga torre de homenaxe do pazo desta poderosa familia nobiliaria medieval, que actualmente alberga un centro de interpretación. Porén, as obras que se están a desenvolver no edificio impediron que os visitantes puidesen acceder ao seu interior.

Desde este punto, a guía explicou a historia da antiga muralla de Pontedeume e acompañou o grupo polo trazado polo que se considera que discorría. Tamén abordou a importancia da Ponte de Pedra, símbolo da vila que atravesa o río Eume. A construción chegou a contar con 78 arcos, dos que na actualidade se conservan 15.

A ruta proseguiu polo casco histórico, con paradas en diferentes espazos e prazas emblemáticas, como a Praza Real, a Praza do Conde e a Praza de San Roque, esta última de carácter mariñeiro. As rúas empedradas, os soportais e os edificios históricos completaron un itinerario no que tamén se incluíron o Convento de San Agustín e a igrexa das Virtudes.

A visita concluíu na igrexa de Santiago. Desde a Asociación Cultural Amigos do Patrimonio de Castroverde agradeceron a atención e as explicacións ofrecidas por Carla, así como a acollida e a colaboración de Secundino García Mera durante a xornada.

0.17826199531555