Amigos do Patrimonio de Castroverde reivindican o valor dos fornos do cal cun percorrido e música

LugoXa
A actividade combinou unha ruta polos enclaves tradicionais de Rebordaos cun concerto de Son de Corda no Centro Social Paco Pestana
visita-fornos-do-cal-Amigos-do-Patrimonio-de-Castroverde
20 Apr 2026

A Asociación Cultural Amigos do Patrimonio de Castroverde desenvolveu unha xornada centrada na posta en valor do legado etnográfico do municipio, cunha completa visita aos fornos do cal e unha proposta cultural que combinou patrimonio e música.

Segundo o previsto, a actividade comezou pola mañá cun desprazamento desde Castroverde ata Rebordaos. O percorrido iniciouse no forno do cal do Piago, situado ao pé da croa de Rebordaos, para continuar posteriormente ata o centro do lugar, onde o grupo fixo unha parada na fonte do Piago. Desde este punto, a ruta seguiu polo camiño da Ventosa en dirección a Souto de Torres.

Á altura de Silvaldes, as persoas participantes tiveron ocasión de visitar outros dous fornos que se conservan en bo estado, aínda que precisan labores de limpeza tanto na contorna como no interior, o que facilitaría a súa recuperación. O itinerario continuou atravesando Souto de Torres, pasando polo núcleo da aldea ata chegar ao Mesón de Souto, onde cruzaron a estrada de A Fonsagrada. A continuación, retomaron o traxecto pola estrada vella que conecta Castroverde con O Empalme, regresando finalmente á estrada de Fonsagrada, nas proximidades da cal se atopa o forno de Outeiro.

A iniciativa permitiu ás persoas asistentes coñecer de preto o funcionamento e a relevancia histórica destas construcións, consideradas parte fundamental do patrimonio industrial e cultural da zona, ao tempo que se fomentou a súa protección e conservación.

Xa pola tarde, a programación completouse cunha actuación musical no Centro Social Paco Pestana ás 17:00 horas. O grupo Son de Corda presentou o espectáculo “Na casa delas”, acompañado por Raúl Rodríguez ao piano, interpretando pezas de autoras como María Mariño, Olga Novo, Xela Arias, Marica Campo, Olalla Cociña e Luz Pozo, poñendo o broche final a unha xornada que combinou tradición, cultura e reivindicación patrimonial.

Desde a organización quixeron agradecer a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da Área de Cultura, que fixo posible a actuación musical, así como o apoio da Reserva da Biosfera nos traballos relacionados cos fornos e do Concello de Castroverde pola súa implicación.

0.14606308937073