Amnesia 3.0, a premiada serie de Irene Pin, presenta a súa segunda tempada no Vello Cárcere
Amnesia 3.0, a premiada serie interactiva galega da directora lucense Irene Pin, estreará a súa segunda tempada este venres no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo. O evento dará comezo ás 8 da tarde, contará coa presenza da directora e o equipo da serie. As entradas pódense reservar de balde escribindo ao enderezo electrónico vellocarcere@lugo.gal.
O thriller de ciencia ficción sobre un mundo no que a xente esqueceu todo, arrancaba a súa primeira tempada introducindo ao espectador nun universo distópico sen memoria, con todas as consecuencias que iso podería acarrear. Nesta segunda achega pretende afondar nas dinámicas que levaron ao mundo a esta situación.
A serie é unha proposta para abandonar os límites do relato convencional. Partindo de tres perspectivas, o público pode seguir a historia desde un ou outro itinerario, nos momentos en que as tramas se cruzan. As súas decisións non mudan a historia, pero si como a percibe. Porque como na vida, non todo está tan claro. O importante non é tanto o que che contan, senón como cho contan. E, sobre todo, quen.
Nesta nova entrega do distópico mundo que esqueceu, uniranse ás intérpretes da primeira, entre as que se atopaban caras coñecidas do panorama galego como Monti Castiñeiras ou Isabel Naveira, outras faces como Lidia Veiga, Melania Cruz, Xúlio Abonjo, Fran Lareu, Isabel Garrido e Mabel Rivera.
Esta nova tempada da serie consta de cinco capítulos interactivos producidos por Aqueladas coa axuda da AGADIC, a Deputación da Coruña e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, quen organiza a estrea da segunda tempada tras levar a primeira por centros de ensino da provincia para achegar a ficción en galego nun formato sen precedentes ás aulas.
A primeira tempada da serie recibiu o galardón a mellor serie galega no Festival Carballo Interplay, así como o premio á Mellor Serie Piloto Nacional no Festival de Cine Español Emergente. Asemade, foi finalista nos Mestre Mateo á mellor Serie Web, no 2020.