Ampliada a vixencia das tarxetas de mergullo profesional

TerraChaXa | LugoXa
A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar publicou unha resolución pola que amplía a vixencia das tarxetas de mergullo profesional e das tarxetas de recolector de recursos específicos mediante técnicas de mergullo que esgotasen a súa vixencia durante o actual estado de alarma derivado da alerta sanitaria polo coronavirus.
19 Apr 2020

A resolución da Xunta, publicada no Diario Oficial de Galicia, establece que as tarxetas que se atopen neste suposto verán ampliado o seu período de validez por un tempo igual ao de duración do estado de alarma, que comezou o pasado 14 de marzo, e a contar desde a data de perda da súa vixencia.

Esta medida, que entra en vigor mañá, pretende favorecer a continuidade da actividade dos profesionais do mergullo na comunidade galega e dar resposta á situación xerada como consecuencia da suspensión de prazos administrativos e de prescrición e caducidade aparelladas á declaración do estado de alarma decretada polo Goberno central para loitar contra o COVID-19 e frear a súa expansión.

Ao real decreto publicado polo Estado súmase ademais a resolución do propio Executivo galego polo que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus e pola que tamén se decretou a suspensión e interrupción dos prazos e procedementos das entidades do sector público de Galicia e a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.

0.10773682594299