Ampliado o prazo do XXIX Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo
A nova edición do Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo, no que poderán participar todas as rapazas e rapaces de 12 a 18 anos dos centros de ensino de Lugo, ampliou o seu prazo de presentación.
Cada persoa poderá presentar un máximo de tres relatos, que terán unha extensión máxima de 10 páxinas escritas a unha soa cara. O Certame está dividido en dúas categorías, de 12 a 14 e de 15 a 18 anos, con tres premios cada unha.
As persoas gañadoras recibirán un diploma e un lote de libros, e a maiores repartiranse premios de distintos valores segundo as categorías. Se, ademais dos traballos premiados houbese, a xuízo do xurado, outras obras merecedoras de recoñecemento, poderanse outorgar mencións honoríficas.
Os relatos poderán presentarse agora até o 8 de xaneiro de maneira telemática, no enderezo electrónico da Concellería de Educación (educacion@lugo.gal) ou de maneira presencial nas oficinas da concellería, no centro de convivencia Uxío Novoneyra.