Amplían o leito do río Rato ao seu paso por Serra de Meira, en Lugo

LugoXa
A intervención que se está levando a cabo abordará a limpeza, adecuación e ampliación do leito nunha anchura duns dous metros
ampliación-do-leito-do-río-Rato
ampliación-do-leito-do-río-Rato
9 Xul 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e o edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, supervisou o inicio dos traballos de ampliación do leito do río Rato ao seu paso pola rúa Serra de Meira. Esta mellora, que leva a cabo a CHMS en convenio co Concello, permitirá minimizar o risco de desbordamento do río nesta contorna do barrio das Gándaras.

“Trátase dun investimento importante que alcaza case os 600.000 euros, dos que a CHMS achegará  un 75% mentres que a participación municipal é do 25 %. Ambas as administracións pretendemos así corrixir esta deficiencia e alcanzar unha mellora da seguridade neste punto, algo que sen dúbida repercutirá sobre toda a cidadanía e que se suma a outros proxectos impulsados polo Concello de Lugo para impulsar esta zona como a integración dos barrios do Sagrado Corazón e As Gándaras co resto da trama urbana a través dunha gran zona verde na contorna da nova estación de ferrocarril”, precisou Alvarellos.

A intervención que se está levando a cabo abordará a limpeza, adecuación e ampliación do leito nunha anchura duns dous metros, co obxectivo de incrementar a súa capacidade de desaugadoiro nun tramo de 165 metros lineais augas arriba do emboque do soterramento do río. “Con esta iniciativa estamos a impulsar o crecemento urbanístico de Paradai e avanzando na evolución dunha cidade sostible e ben comunicada. Ademais alcanzamos unha mellora da seguridade como obxectivo estratéxico para o noso Goberno local”, sinalou a rexedora quen instou á Xunta a cumprir dunha vez por todas con Lugo e os lucenses e asumir as súas responsabilidades no marco do Plan Paradai.

Pola súa banda o presidente da Confederación, José Antonio Quiroga, lembrou a importancia dos traballos. “Comezamos as obras que poñen fin a unha débeda histórica cos lucenses e que consiste basicamente en mellorar a capacidade de desaugadoiro da rotonda de Paradai. Estas actuacións solucionarán o problema urbanístico provocado por unha obra da Xunta, realizada sen a preceptiva autorización en 2015, e que este Organismo de conca paralizou ao non ser legalizable”.

Estas obras, sinalou, “alteraron o comportamento e extensión da chaira de inundación do río Rato na glorieta de Serra de Meira, co consecuente risco de inundación das vivendas existentes. O acordo rubricado entre o Concello de Lugo e a CHMS desbloquea, por tanto, o grave problema urbanístico xerado pola administración autonómica, precisando dun investimento que supera os 593.000  euros”.

Dentro desta mellora, entre outras actuacións, está prevista a demolición do muro actualmente existente na marxe dereita do río, desmontando previamente a cantería que o recubre, que será reutilizada para a execución dun novo tramo de muro desprazado dous metros con respecto á posición do actual. Os traballos afectan a cinco terreos cunha superficie total de 1.335 metros cadrados, dos que 329 afectaranse de forma permanente mentres que os 867 metros cadrados restantes ocuparanse de maneira temporal.

0.18731117248535