Ana Miranda informou na Fonsagrada sobre as consecuencias do Mercosur nesta comarca

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, xunto co deputado no Parlamento Galego, Nino Fernández, mantiveron un encontro este sábado na Fonsagrada onde explicaron a posición que o Bloque mantivo e segue a manter sobre a afectación de Mercosur nesta comarca.
Dende o BNG sempre tiveron moi claro que o acordo Unión Europea - Mercosur non favorece aos gandeiros e gandeiras nin da comarca da Fonsagrada nin de outras vilas galegas que dependen da agricultura, que dependen precisamente destas explotacións gandeiras familiares.
Na súa intervención, Ana Miranda explicou as consecuencias negativas que ten este acordo para o sector agrogandeiro galego, motivo polo que conta coa oposición do BNG. “O que non queremos é que outra carne invada os nosos mercados nin que se faga como se fixo este acordo de costas ao Parlamento Europeo”, engadiu.
Pola súa banda, Nino Fernández destacou a presenza na Fonsagrada da eurodeputada do Bloque para explicar en que punto está o acordo “e os pasos que quedan por dar nas institucións europeas, cal é o noso papel e que podemos facer”. Salientou ademais que este encontro “é unha oportunidade para falar das implicacións que sabemos que vai ter o tratado para ganderías como as que temos no Concello, na comarca e en toda a provincia”.
Neste encontro tamén se falou das cláusulas de salvagarda nas que se escusan tanto PP como PSOE para apoiar este acordo, estas cláusulas “non son a panacea” para o sector, xa que actuarán cando o sector xa note as consecuencias negativas do acordo, Ana Miranda tamén apuntou que precisamente foi o BNG quen defendeu desde o principio que, de aplicarse o acordo, esas salvagardas fosen máis altas e que non son suficientes, ao que tanto PP como PSOE se opuxeron.
Para o BNG este acordo non foi xestionado de forma democrática, xa que tanto a Comisión Europea como o Consello non respectaron os principios de cooperación entre institucións e o que é máis grave a voz do sector agrogandeiro.
Ana Miranda recordou tamén que, en liña con esta postura, asinou unha carta dirixida á presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Layen, para instar á Comisión “a que non avance na aplicación provisional do acordo comercial UE-Mercosur, nin de ningunha das súas partes, até que o Tribunal de Xustiza Europeo emita o seu ditame”.
Durante os vindeiros meses serán as votacións definitivas, este acordo precisa unha maioría cualificada por iso dende o BNG seguiremos a informar das consecuencias deste acordo para o noso país