Andrea Prado, artista: “En Lugo hai xente con ganas de crear, de innovar e de apostar pola cultura”

LugoXa
Andrea Prado Rielo, coñecida artisticamente como Karte, vén de expoñer no Vello Cárcere de Lugo a sua recompilación fotográfica ‘Somos pobo feito en nós’
Andrea-Karte-Somos-pobo-feito-en-nós
1 Feb 2026

Jessica Fernández

Como nace ese amor pola arte?

A min, a verdade, vénme de familia. Crieime nun fogar moi creativo, sobre todo pola parte da miña nai, que pinta, pero sempre tiven a necesidade de expresar todo o que levaba dentro a través da creatividade. Ao final, cando cheguei ao bacharelato, a elección estivo bastante condicionada, porque optei polo de artes, e foi aí onde descubrín a fotografía grazas a un profesor marabilloso que me inculcou moitísimo, así como a outros mestres do gabinete de artes do Sanxillao. A partir de aí comecei, e foi coller a cámara e non soltala máis. Ao final, converteuse nun medio que me permitiu falar, amosar que tiña algo que contar. En definitiva, penso que a educación, o que ves primeiro na casa, é o que máis che condiciona á hora de expresar quen es.

A arte, como medio de expresión, non?

Creo que son os medios artísticos. Considero que calquera persoa que se expresa a través dun medio artístico, máis alá de ser fotógrafo, pintor ou calquera outra cousa, antes de nada somos artistas, porque o que facemos é emocionar a través da expresión. Para min, a fotografía foi o medio que mellor se adaptou a min para conseguir transmitir emocións co que levo dentro, porque é a disciplina que máis me permite achegarme ao realismo máximo sen necesidade de depender del. É dicir, podo xogar con todas as bazas expresivas posibles, tendo o realismo na man, pero sen ter que exprimilo se non o desexo. Deste xeito, a fotografía dálleme un maior marxe para achegarme a onde eu queira.

Foi complicado facerse un oco no mundo artístico?

Considero que foi un proceso relativamente complicado, porque a educación e o entorno condicionan moitísimo a nivel artístico. Penso que aquí en Lugo, por parte das institucións, aínda que teño a sorte de contar con máis compañeiros que tamén están noutros centros formativos —como a Escola TIC, ademais da Ramón Falcón—, a educación audiovisual e as ramas vinculadas ao audiovisual están, por desgraza, moi anticuadas e precisan moita máis atención. Por iso, os novos profesionais que estamos saíndo agora atopámonos con numerosos problemas á hora de acceder ao mercado laboral, xa que non existe suficiente infraestrutura nin recursos abondo. É necesario apostar un pouco máis e confiar nos novos creadores, no futuro que ten Lugo no eido audiovisual. Debemos investir máis recursos para que a xente poida formarse co mesmo nivel que en lugares como Vigo ou A Coruña, onde se atopan as escolas audiovisuais máis grandes de Galicia. A educación é un proceso bastante complexo, e creo que unha gran parte da miña formación chegou a través da miña relación con Viva Lugo, que para min é como un fogar. Alí coñecín a persoas como Marcos, Iván Moronte ou Adra Pallón, de quen aprendín moitísimo cando aínda era moi nova, porque comecei a facer fotos en concertos por Lugo con só 17 anos. Foi tamén daquela cando empecei a meter un pouco a cabeza en Viva Lugo, e sentinme completamente acollida. Creo sinceramente que, sen esa xente, a día de hoxe non seguiría coa cámara na man.

Fálenos da súa exposición fotográfica ‘Somos pobo feito en nós’.

Para min, este proxecto parte da idea de que a cultura é a escusa perfecta do ser humano para preservar a súa propia humanidade. Somos pobo feito en nós fala directamente de como, a través da música, conservamos unha fala; e, a través da fala, unha cultura, e con ela unha identidade que nos une e nos fai sentir parte dun todo común. A fotografía, neste sentido, convértese nun espello que busca conectar emocionalmente ao espectador coa xente que, día a día, mantén vivo este fermoso panorama musical que temos en Galicia, loitando e resistindo por aquilo no que cre. A acollida que tivo o proxecto foi impresionante. Creo que cumpriu á perfección a súa función: houbo persoas que se emocionaron, outras que se recoñeceron nas imaxes, que se viron reflectidas nelas, incluso quen chegou a chorar. E para min iso era o máis importante: que a exposición emocionase, que deixase unha pegada emocional en quen a contemplase. Este traballo foi o meu proxecto final de estudos, para o que tiven tres meses de prazo, pero en realidade levaba anos medrando dentro de min. Dende que collín por primeira vez unha cámara, dediqueime a facer fotografías con algo que contar, e esta foi a oportunidade perfecta para dar forma a todo o que levaba acumulando durante tanto tempo. Foi, sen dúbida, unha experiencia marabillosa.

Cales son os seus proxectos de futuro?

O meu proxecto de futuro é seguir dedicándome a retratar e cubrir o panorama lucense, porque é algo que non se pode esquecer. Quero continuar formándome, ampliar as miñas capacidades artísticas, explorar novas disciplinas e seguir aprendendo, porque considero que é fundamental. Ao final, ninguén se libra de non saber, e mentres haxa algo novo por descubrir, sempre haberá marxe para facer as cousas mellor. Penso que é importante que a xente que está comezando, ou que aínda está en proceso de formarse, vexa que aquí tamén se están facendo cousas, que hai persoas novas implicadas na realidade cultural da cidade e que non están soas, que poden comezar proxectos dende Lugo. É certo que, a día de hoxe, por desgraza, moitas veces hai que marchar fóra para recibir unha formación máis completa, pero o fogar é o fogar, e aquí tamén hai xente con ganas de crear, de innovar e de apostar pola cultura. Así que, se o que eu fago pode servir de inspiración ou de impulso para que alguén decida poñerse en marcha e contribuír á vida cultural de Lugo, entón benvido sexa. Iso, para min, xa é unha recompensa enorme.

⚙ Configurar cookies
0.08101487159729