Ane Santesteban levará o dorsal 1 na sexta edición do Ancares Cycling Marathon

GaliciaXa | LugoXa
O vicepresidente da Deputacion de Lugo Efrén Castro presentou a proba no Pazo de San Marcos onde valorou as novidades do percorrido
presentacion-ancares-lycling
15 Jun 2026

O vindeiro 9 de agosto celebrarase nas estradas da comarca dos Ancares a sexta edición da proba ciclista Ancares Cycling Marathon, organizada polo Clube Ciclista Cidade de Lugo co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

As estradas de Navia de Suarna, Cervantes, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Becerreá serán o escenario da carreira, con dúas opcións de rutas – Gran Fondo e Medio Fondo - totalmente renovadas. Entre os novos puntos de paso destaca o Alto Mirador de Ancares, en Cervantes, cunha das panorámicas máis fermosas da comarca. Os dous itinerarios manterán a saída en Pedrafita e a chegada no Cebreiro.

O vicepresidente da Deputacion de Lugo Efrén Castro presentou a proba esta mañá no Pazo de San Marcos onde valorou as novidades do percorrido “para amosar novos itinerarios, paisaxes e elementos patrimoniais dunha comarca cunhas condicións excepcionais para o ciclismo” e destacou que “a posta en marcha da proba, en 2021, como unha aposta polo deporte e a promoción do territorio se confirmou como unha aposta gañadora”, contribuíndo á proxección dos Ancares como destino de turismo deportivo.

Na presentación, conducida polo xornalista deportivo Terio Carrera, participaron o responsable do Club Ciclista Cidade de Lugo David Castro, od alcalde das Nogais, Jesús Núñez, e de Navia de Suarna, Xosé González, e o concelleiro de Deportes de Cervantes, Miguel González, ademais de representantes da Garda Civil de Tráfico que se

Os responsables locais confirmaron a repercusión das probas para fomentar a práctica do ciclismo na zona, asegurando que cada vez son máis as persoas que elixen as estradas da comarca para as súas saídas ao longo do ano. Tamén interviu o sarxento Lito García, da Garda Civil de Tráfico, que colaborará na seguridade da proba.

A ciclista Ane Santesteban será o dorsal 1 nesta sexta edición da Ancares Cycling Marathon. A ciclista de Rentería, con varias medallas en Campionatos de Europa en Ruta, un sexto posto no Tour de Francia, un sétimo posto no Giro de Italia ou un 8 posto na Volta a España, encabezará o pelotón, dando continuidade a aposta por reforzar a participación feminina na carreira, que na pasada edición reuniu ciclistas como Rocío Gamonal, Lorena Patiño ou Isabel Martín.

Dous percorridos con saíde en Pedrafita e meta no Cebreiro

A proba ofrece dous itinerarios, con distintas distancias e niveis de dificultade para facilitar a participación de persoas afeccionadas ao ciclismo de todas as idades e condicións físicas.

Gran Fondo. 125 quilómetros, cun desnivel acumulado de 3.218 metros, e paso polos portos do Lago (Becerreá), Catroventos, Mirador de Ancares, O Circo e Penas de Augarrubias.

Medio Fondo. 86 quilometros, cun desnivel acumulado de 1.928 metros, e un itinerario con paso polos portos de Mirador de Ancares, O Circo e Penas de Augarrubias.

As inscricións poden realizarse na web do evento Ancares Cycling Marathon.

0.1256639957428