Ane Santesteban proba os novos treitos da Ancares Cycling Marathon antes da súa participación na carreira

GaliciaXa | LugoXa
A ciclista vasca, que levará o dorsal número 1, percorreu parte do trazado da proba en Cervantes xunto ao vicepresidente da Deputación, Efrén Castro
Ancares-Cycling-Marathon-proba-26
22 Jul 2026

A ciclista profesional Ane Santesteban visitou Cervantes para probar parte do percorrido da sexta edición da Ancares Cycling Marathon, que se disputará o vindeiro 9 de agosto co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A deportista vasca, que encabezará o pelotón co dorsal número 1, percorreu un dos novos treitos incorporados este ano ao trazado, situado na contorna do Alto do Mirador de Ancares.

Santesteban, que conta cun destacado palmarés internacional con medallas no Campionato de Europa en Ruta e participacións de relevancia no Giro, Tour e Vuelta, destacou tanto a espectacularidade da paisaxe dos Ancares como o deseño do percorrido preparado pola organización para esta edición.

Durante a xornada estivo acompañada polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, que se desprazou ata Doiras para seguir os traballos de recoñecemento dos itinerarios da proba e conversar coa corredora.

Castro agradeceu a presenza de Ane Santesteban nunha cita que, segundo lembrou, reforzou nos últimos anos a súa aposta por dar visibilidade ao ciclismo feminino. Ademais, destacou que "a capacidade para traer grandes nomes do ciclismo e para amosar novos itinerarios reflicte a vitalidade dunha proba que apoiamos desde a primeira edición, convencidos de que o ciclismo é unha ferramenta extraordinaria para a promoción do territorio".

As inscricións para participar na Ancares Cycling Marathon permanecerán abertas ata o vindeiro 3 de agosto. A proba discorrerá por estradas dos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Becerreá, con dúas modalidades adaptadas a distintos niveis de preparación.

O percorrido Gran Fondo contará con 125 quilómetros e un desnivel acumulado de 3.218 metros, atravesando os portos de O Lago, Catroventos, Mirador de Ancares, O Circo e Penas de Augarrubias. Pola súa banda, o Medio Fondo terá 86 quilómetros e un desnivel de 1.928 metros, pasando polos portos de Mirador de Ancares, O Circo e Penas de Augarrubias.

0.12383699417114