Ángel Pérez, alcalde de Guntín: “Gústame estar sempre dispoñible e ao lado da xente”

GaliciaXa | LugoXa
Ángel Pérez Rodríguez, alcalde de Guntín desde o ano 2024 tras asumir María José Gómez, a anterior rexedora, a Consellería de Medio Rural na Xunta de Galicia, séntese ilusionado por estar á fronte dun concello de case 2.600 habitantes
Angel-Guntin
23 Aug 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Inicieime na política no ano 2019, afiliándome a Novas Xeracións do Partido Popular. No ámbito municipal, no ano 2023, formei parte da lista eleitoral do Partido Popular ás eleccións municipais, ocupando o número 9 da lista e fun elixido concelleiro.

Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?

Debido ao nomeamento de María José Gómez como conselleira do Medio Rural, os membros da lista e ela pensaron en min e eu encantado de asumir a responsabilidade de alcalde. Valoro esta oportunidade como algo moi positivo, imos sacando cousas adiante e todos os días aprendendo, xa que foi inesperado, pero imos aprendendo e intentando mellorar.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Sempre hai que renunciar a cousas e a vida cambia, sobre todo cando es a cabeza visible, tes que estar aí e ter a responsabilidade, que é o que máis cambia.

E beneficios?
O maior beneficio é comprobar que, co traballo realizado, se consegue mellorar a calidade de vida da veciñanza, xa sexa impulsando novas obras ou reforzando os servizos municipais.

Como equilibra a vida pública e a privada?
Unha vez que se asume a Alcaldía, a vida privada redúcese considerablemente, porque para todo o mundo pasas a ser o alcalde. Con todo, lévase ben, xa que a xente adoita respectar os momentos e os espazos persoais, o que me permite facer unha vida bastante normal.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

A verdade é que non teño ningún obxectivo persoal a nivel político. Chegar á Alcaldía foi algo totalmente inesperado e, desde o primeiro momento, o meu principal propósito foi traballar para mellorar a vida e a calidade de vida da veciñanza. O importante é seguir avanzando, pouco a pouco, na prestación dos servizos e na dotación das infraestruturas necesarias para que os nosos veciños e veciñas vivan cada vez mellor. Por iso, non me marco metas políticas concretas. Estou moi feliz desempeñando esta responsabilidade, aprendendo cada día e tendo a oportunidade de estar en contacto directo coa veciñanza, escoitando as súas necesidades e traballando para darlles resposta.

E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?
Temos previstas varias actuacións, aínda que a súa execución dependerá de distintos factores. As nosas prioridades pasan por seguir mellorando as redes de saneamento e abastecemento, impulsar iniciativas que favorezan a implantación de empresas, xa sexa mediante un viveiro empresarial ou un polígono industrial, reforzar os servizos sanitarios e continuar mellorando os centros educativos. Ademais, queremos fomentar o acceso á vivenda e crear incentivos para que máis persoas decidan establecerse en Guntín, xa que existe unha importante demanda e, en moitas ocasións, a falta de vivenda dificulta que poidan vir vivir ao municipio.

Cales son as principais liñas do seu programa?
O noso principal obxectivo é manter e seguir mellorando os servizos que se prestan á veciñanza. Un dos ámbitos nos que máis esforzo realizamos é o Servizo de Axuda no Fogar, no que traballan 26 persoas, o que nos permite non ter lista de espera. Ao mesmo tempo, queremos continuar investindo na mellora das infraestruturas, especialmente nas redes de saneamento e abastecemento e na conservación das estradas, para ofrecer unha maior calidade de vida á veciñanza, favorecer que a poboación permaneza no municipio e atraer novos residentes ao rural.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Necesidades sempre hai. Unha das principais é seguir mellorando o servizo de abastecemento de auga, unha actuación que consideramos prioritaria para garantir un servizo de calidade á veciñanza. Outro dos obxectivos é impulsar a creación dun viveiro de empresas que favoreza o emprendemento, a xeración de emprego e a dinamización económica do municipio. No que respecta á rede viaria, considero que o seu estado é bastante aceptable, aínda que seguiremos realizando actuacións de conservación e mellora sempre que sexa necesario. Ademais, outra das nosas demandas é contar cun maior financiamento para facer fronte aos gastos correntes do Concello. Neste sentido, consideramos que a Deputación debería incrementar o seu apoio económico, xa que entendemos que está a incumprir algunhas das obrigas que lle corresponden nesta materia.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

Ao final, trátase dun traballo de continuidade iniciado pola anterior alcaldesa, María José Gómez. Eu cheguei á Alcaldía a metade da lexislatura e o que fixemos foi dar continuidade tanto ás infraestruturas como aos proxectos que xa estaban planificados durante o seu mandato. Ademais, impulsamos un importante esforzo inversor na mellora da rede viaria do municipio. Un dos aspectos dos que máis orgulloso me sinto é da mellora do Servizo de Axuda no Fogar. Estamos a comprobar que a poboación está cada vez máis envellecida e, polo tanto, aumenta a demanda deste servizo esencial. Por iso, decidimos realizar un importante investimento para reforzalo e poder ofrecer unha mellor atención ás persoas que máis o precisan. Tamén me sinto especialmente satisfeito do traballo desenvolvido nestes dous últimos anos en materia de eficiencia enerxética. Levamos a cabo diversas actuacións, como a instalación de sistemas de aerotermia en tres edificios municipais e a mellora da envolvente térmica da Casa Cuartel. Estas intervencións permitiron reducir o gasto enerxético, mellorar a eficiencia das instalacións e avanzar no compromiso do Concello co coidado do medio ambiente.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Penso que a veciñanza me ve como unha persoa moi próxima. Sempre procurei estar presente na vida do municipio, participando nas actividades e compartindo tempo cos veciños e veciñas. Ademais, moitos xa me coñecían antes de asumir a Alcaldía pola miña implicación como monitor de ximnasia e polo traballo que desenvolvín cos máis pequenos no fútbol. Creo que esa traxectoria fai que me vexan como unha persoa accesible, próxima e disposta a escoitar. Gústame estar ao lado da xente, atender as súas preocupacións e estar dispoñible para todo aquilo que poida necesitar a veciñanza.

Como é a súa relación coa oposición?

A relación coa oposición é de moito respecto, tanto a nivel persoal e laboral. El nos plenos leva as súas propostas, pero sempre desde o respecto.

 

MÁIS DE PRETO

-Idade, estado civil e familiar

30 anos, solteiro e sen fillos

-Profesión e formación

Graduado en Ciencias do Deporte (INEF) e técnico deportivo

-E se non o fose, que lle gustaría ser?

Algo relacionado con estar en contacto con xente

-Que quería ser de maior

De pequeno, futbolista, despois quería dedicarme ao mundo do deporte

-Que fai para desconectar?

Deporte e dando actividades aos veciños

-Unha virtude e un defecto

Manter a calma nos momentos difíciles e levar todo moi a nivel persoal

-Un consello para compartir

Non esquecer de onde vimos e estar preto da xente

-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante

A actividade laboral fíxome alonxarme disto, centreime no deporte. Pero un grupo de música, a orquestra Panorama

-Unha afección

O deporte

-Un lugar que visitar

Gústame coñecer lugares novos de todo tipo

-Unha comida e unha bebida

Auga

-Unha personaxe admirada (viva ou morta)

Cristiano Ronaldo

-Unha posesión preciada

Non son nada materialista

-Un desexo

Saúde para todos

-Algo para esquecer

Os incendios

-Que é o que máis valora nunha persoa?

A lealdade

-Un desafío pendente.

O Camiño de Santiago

-Onde se ve en cinco anos?

Sendo alcalde de Guntín

0.12169003486633