Ángeles Vázquez presenta en Friol a campaña 'Coidar do noso'

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a concienciación ambiental como ferramenta clave para promover hábitos responsables e mellorar a separación de residuos de cara a avanzar cara a un modelo de economía circular e garantir a preservación da nosa riqueza ambiental.
Nese senso, a conselleira presentou a campaña Coidar do noso —promovida pola Xunta e Ecoembes— que ten o obxectivo de sensibilizar a cidadanía de que unha correcta separación dos refugallos nos fogares é “coidar da nosa riqueza ambiental” porque nos permite garantir unha maior e mellor preservación de espazos como os ríos, os montes, as praias e os mares.
En concreto, esta campaña achegará información práctica e clara á cidadanía e, ao mesmo tempo, tamén resolverá dúbidas sobre a correcta separación dos residuos porque este é un paso fundamental para ter un modelo de xestión máis eficiente e sostible e, ademais, para contribuír a que a Comunidade cumpla coa normativa e os obxectivos europeos.
Tal e como dixo Ángeles Vázquez, na actualidade nos contedores amarelos seguen depositándose residuos que non lle corresponden como xoguetes de plástico, utensilios de cociña ou restos de comida, o que “dificulta o proceso de clasificación nas plantas de tratamentos, incrementa os custos de xestión e reduce a eficacia da reciclaxe”.
Pola contra, cando se fai unha correcta separación e cada refugallo vai ao contedor axeitado aumenta a calidade da recollida selectiva, recupéranse máis materiais para darlles unha segunda vida e redúcese a necesidade de consumir novos recursos naturais e enerxía.
Nesa liña, a conselleira puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia para ofrecer información á cidadanía a través de campañas como a que arrinca hoxe en Friol e que percorrerá durante os meses do verán un total de 30 localidades das catro provincias galegas.
Máis polo miúdo, a iniciativa aproveitará os espazos públicos para instalar un marco expositivo con exemplos reais dos envases que deben depositarse no contedor amarelo. Ademais un equipo de promotores ambientais ofrecerá atención personalizada e resolverá as dúbidas das persoas participantes e repartirá postais con ilustracións de enclaves singulares de cada provincia con información útil no reverso.
A maiores, desenvolverase o xogo interactivo Demostra que sabes coidar do noso, que consistirá en cinco preguntas rápidas a través dunha aplicación móbil e un sorteo en cada localización, con premios de experiencias galegas.