Antas de Ulla actualiza o seu urbanismo coa aprobación inicial do Plan Básico Municipal

O Concello de Antas de Ulla vén de dar un paso histórico na súa ordenación territorial coa aprobación inicial do Plan Básico Municipal, un instrumento promovido pola Xunta de Galicia que permitirá actualizar un planeamento vixente desde a década de 1970, xa claramente superado polas necesidades actuais. O municipio inicia así unha nova etapa cun marco normativo máis claro, adaptado á realidade demográfica e económica e pensado para superar décadas de parálise urbanística.
A tramitación deste documento constitúe un dos eixos estratéxicos do actual goberno local, que situou desde o comezo do mandato a ordenación do territorio como prioridade para garantir un desenvolvemento sostible e ofrecer seguridade xurídica á veciñanza. O obxectivo é dotar Antas de Ulla dunha ferramenta eficaz que permita planificar con estabilidade e transparencia.
O Plan básico municipal, regulado pola Lei do Solo de Galicia e dirixido a concellos que non dispoñen dun Plan xeral adaptado á normativa vixente, establece unha ordenación homoxénea do solo e elimina situacións de provisionalidade. O documento aprobado clasifica un ámbito de solo urbano consolidado e organiza 93 núcleos rurais distribuídos en 28 parroquias, dos que 58 son tradicionais e 35 mixtos. Ademais, fixa condicións precisas para construír, rehabilitar ou ampliar vivendas, facilita o desenvolvemento da actividade económica e residencial, reduce a incerteza administrativa e permitirá axilizar a concesión de licenzas. O novo marco tamén busca contribuír á fixación de poboación no rural mediante regras claras e estables.
No ámbito patrimonial, o Plan incorpora un amplo catálogo con 275 elementos culturais do municipio, entre eles 45 Bens de Interese Cultural —33 de carácter arqueolóxico, principalmente petróglifos, 5 arquitectónicos e 7 etnolóxicos— e outros 230 bens catalogados de natureza arqueolóxica, arquitectónica e etnolóxica. Esta protección pretende garantir que o crecemento urbanístico se produza de maneira equilibrada e respectuosa coa identidade histórica, cultural e paisaxística de Antas de Ulla.
O documento mantén tamén vixente o Plan especial de infraestruturas e dotacións para a creación do Parque Central–Centro Xeográfico de Galicia, aprobado en 2023, co fin de asegurar a coherencia coa planificación xa definida.
Tras esta aprobación inicial, o Plan someterase agora a información pública durante un prazo de 2 meses, período no que a cidadanía poderá consultalo e presentar alegacións. De forma paralela, solicitaranse os informes sectoriais preceptivos antes da súa aprobación definitiva. Unha vez validado e publicado no Diario Oficial de Galicia, o Plan básico municipal entrará en vigor e converterase no instrumento de referencia para a tramitación das licenzas urbanísticas en Antas de Ulla.