Antas de Ulla aproba medidas urbanísticas e económicas para avanzar na estabilidade municipal

O Concello de Antas de Ulla celebrou a pasada semana unha nova sesión plenaria na que se aprobaron distintos asuntos relacionados co funcionamento municipal, o desenvolvemento urbanístico e a situación económica da administración local.
Entre os acordos adoptados destaca a aprobación definitiva da resolución das alegacións presentadas á ordenanza da madeira, unha normativa que entrará en vigor unha vez sexa publicada no Boletín Oficial da Provincia. O Goberno municipal considera que esta regulación permitirá avanzar na ordenación desta actividade dentro do municipio.
Durante a sesión tamén se procedeu á elección do candidato a Xuíz de Paz de Antas de Ulla, resultando elixido Carlos Val Pardo tras obter a maioría dos votos da corporación.
Outro dos asuntos aprobados foi a modificación da nomenclatura da praza da biblioteca municipal para adaptala á normativa autonómica vixente. A denominación pasará de “Encargado/a Biblioteca” a “Director/a Técnico/a Auxiliar da Biblioteca Pública Municipal”, mantendo sen cambios o resto das características do posto.
No apartado urbanístico, o pleno aprobou tamén a aceptación da cesión de parcelas vinculadas á tramitación do Plan Básico Municipal, un trámite considerado necesario para continuar avanzando na planificación territorial e no desenvolvemento urbanístico do concello.
A corporación deu igualmente luz verde a un recoñecemento extraxudicial de créditos destinado ao pagamento de facturas pendentes correspondentes a servizos e traballos realizados para o Concello, moitas delas acumuladas desde o 1 de xaneiro de 2023.
O Executivo local expuxo durante a sesión a situación económica herdada ao inicio do mandato, cun volume de pagamentos pendentes superior aos 722.000 euros. Desa cantidade, máis de 509.000 euros correspondían a sentenzas xudiciais derivadas de impagos, máis de 111.000 euros a facturas pendentes e arredor de 101.000 euros a débedas relacionadas co canon da auga e con SOGAMA.
O Goberno municipal explicou tamén que a subvención concedida polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para o “Proxecto de rehabilitación enerxética e acondicionamento da Casa da Cultura e o seu auditorio”, por importe de 816.885,02 euros, fora ingresada de maneira anticipada sen que existise nin proxecto de execución nin expediente de contratación tramitado.
Segundo indicou o Executivo local, eses fondos foran empregados para afrontar o pagamento doutras facturas, circunstancia que obrigou ao Concello a adoptar medidas urxentes para garantir a execución da actuación e evitar a devolución da axuda concedida.
A través da contratación dun crédito e dunha reorganización económica, o Concello conseguiu executar a obra dentro dos prazos previstos, permitindo a apertura da renovada Casa da Cultura en tempo récord.
Segundo os datos facilitados durante o pleno, na actualidade xa se abonaron máis de 400.000 euros, o que permitiu reducir en máis dun 60 % a débeda derivada de facturas e pagamentos pendentes.
O Goberno municipal destacou ademais que, a pesar das limitacións do orzamento local e do peso dos gastos estruturais e dos servizos básicos, o Concello continúa captando financiamento doutras administracións para impulsar investimentos sen incrementar os impostos municipais nin reducir prestacións á cidadanía.
O Executivo reafirmou finalmente o seu compromiso cun modelo de xestión baseado na responsabilidade, a transparencia e a planificación de futuro para continuar mellorando os servizos e as infraestruturas de Antas de Ulla.