Antas de Ulla aproba unha modificación de crédito para garantir os salarios municipais e unha nova ordenanza de vaos

O pleno municipal de Antas de Ulla aprobou na súa última sesión dúas medidas de importancia para o funcionamento do Concello e para a veciñanza: unha modificación de crédito para reforzar a partida destinada aos salarios do persoal municipal e unha nova ordenanza de vaos.
A modificación de crédito permitirá incrementar os fondos destinados ás retribucións dos empregados e empregadas municipais debido aos desaxustes ocasionados polas baixas de persoal que foi necesario cubrir ao longo do ano. Os fondos proceden do Fondo de Continxencia, previsto para atender necesidades imprevistas deste tipo.
Deste xeito, segundo explica o Concello, quedan garantidos os recursos necesarios para que todo o persoal municipal perciba as súas retribucións con normalidade.
O segundo acordo adoptado polo pleno foi a aprobación dunha nova ordenanza de vaos. Esta normativa permitirá que os veciños e veciñas que o desexen poidan solicitar un vao municipal e contar cunha regulación que protexa o acceso ás súas vivendas, garaxes ou propiedades.
O Concello aclara que solicitar un vao non será obrigatorio, senón que se tratará dunha opción voluntaria para aquelas persoas que queiran acollerse a esta regulación.
A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, quixo aclarar especialmente este punto ante as dúbidas xeradas nos últimos días. "Ninguén estará obrigado a solicitar un vao. Creamos esta posibilidade para aqueles veciños e veciñas que queiran contar con esa garantía", sinalou.
Ambas as propostas saíron adiante cos votos do Goberno municipal e contaron co voto en contra dos concelleiros do Partido Popular.
Desde o Concello sinalan que continuarán informando con claridade sobre os acordos municipais e traballando para garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos e ofrecer novas ferramentas á veciñanza.