Antas de Ulla bautiza a súa Casa da Cultura co nome da bibliotecaria Teresa Batán Buján

LugoXa
O municipio homenaxeou a profesional con motivo da súa xubilación tras toda unha vida dedicada á lectura, á cultura e á veciñanza
homenaxe-Teresa-Antas
14 Sep 2026

Antas de Ulla xa conta coa Casa da Cultura Teresa Batán Buján, unha nova denominación coa que o municipio quixo recoñecer a traxectoria da que foi a súa bibliotecaria municipal durante anos. A homenaxe coincidiu coa súa xubilación e reuniu familiares, compañeiros, entidades culturais, representantes institucionais e numerosos veciños e veciñas.

A proposta de dar o nome de Teresa Batán Buján á Casa da Cultura partiu do Instituto de Estudos Ulloáns e contou coa colaboración da Escola Banda de Música de Antas de Ulla, a Coral Polifónica Sons do Farelo, a Asociación Cultural A Fiadeira e o Grupo de Teatro de Antas de Ulla. A iniciativa foi acollida pola alcaldesa, Pilar García Porto, e posteriormente aprobada nun Pleno Extraordinario.

O acto de homenaxe estivo marcado polas lembranzas, os agradecementos e as palabras de cariño cara a Teresa Batán, antes de chegar ao momento central da xornada: o descubrimento da placa coa nova denominación do edificio, que pasa a levar oficialmente o nome de Casa da Cultura Teresa Batán Buján.

O recoñecemento pon en valor os anos de traballo da bibliotecaria e a súa vinculación coa promoción da lectura e da actividade cultural no municipio, así como a súa proximidade coa veciñanza e coas diferentes entidades culturais de Antas de Ulla.

A nova denominación foi aprobada cos votos favorables de todo o Goberno municipal. Pola súa banda, o grupo municipal do Partido Popular non asistiu ao Pleno Extraordinario, agás un dos seus concelleiros, que si estivo presente e votou a favor da proposta a título persoal, segundo fixo constar durante a sesión.

0.10981702804565