Antas de Ulla celebrou un Entroido multitudinario marcado pola creatividade e a alta participación

Dende o Concello de Antas de Ulla quixeron trasladar aos veciños e veciñas a súa satisfacción tras a celebración dun Entroido que cualificaron de espectacular, caracterizado pola imaxinación, a implicación da veciñanza e un ambiente festivo que encheu as rúas de cor e ilusión. O goberno local subliñou que o nivel dos disfraces foi especialmente elevado, o que converteu a deliberación do xurado nunha tarefa complexa pola calidade das propostas presentadas.
Na categoría de Individuais e Parellas, o primeiro premio, dotado con 150 euros e cun total de 363 puntos, foi para Spa Capilar Marta Blanco. O segundo posto, con 100 euros e 289 puntos, recaeu en Bonecas Make Up, mentres que o terceiro premio, de 80 euros e 272 puntos, foi para Paxaros do Mundo.
No apartado de Comparsas, Tómbola Total acadou o primeiro premio, valorado en 300 euros, tras obter 296 puntos. Pola súa banda, Deusas do Entroido conseguiu o segundo galardón, dotado con 250 euros e cunha puntuación de 254 puntos.
Ademais, o xurado outorgou varios premios especiais. O recoñecemento á persoa participante de maior idade, acompañado de 30 euros, foi para Roel Sánchez Jesús. O premio ao disfraz máis orixinal, tamén de 30 euros, recaeu novamente en Spa Capilar Marta Blanco. O galardón ao grupo máis numeroso, dotado con 30 euros, foi para Mascotas Xogos Olímpicos 2016, integrado por 16 membros. Esta mesma agrupación obtivo tamén o terceiro premio, con 200 euros e 243 puntos, mentres que o cuarto premio, de 150 euros e 239 puntos, foi para Guacamayos do Ulla.
Dende o Concello salientaron a enorme orixinalidade e o coidado traballo desenvolvido por todas as persoas participantes, incidindo en que a elevada calidade das propostas fixo especialmente difícil a decisión final do xurado.