Antas de Ulla conmemora o 25N cunha programación centrada na igualdade e na prevención da violencia machista

LugoXa
O acto central celebrarase o mércores 25 de novembro na Praza Nova, con exposicións, reparto de chapas, xogos sobre corresponsabilidade e a lectura dun manifesto por parte do alumnado do CEIP
25N-Antas-de-Ulla
23 Nov 2026

O Concello de Antas de Ulla preparou unha programación de actividades con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha proposta que busca implicar diferentes xeracións e colectivos na prevención da violencia machista e na promoción da igualdade.

O acto central terá lugar o mércores 25 de novembro, ás 12:30 horas, na Praza Nova. A xornada incluirá unha exposición colaborativa dos recursos municipais, educativos e socioculturais do municipio, coa que se pretende dar visibilidade ao traballo que se desenvolve desde distintos ámbitos da comunidade en favor da igualdade.

Entre as propostas tamén figura o reparto de chapas deseñadas polas persoas participantes no programa Maiores en Acción, co obxectivo de destacar a implicación das persoas maiores nesta reivindicación colectiva. Ademais, presentarase o xogo "Corresponsabilidade Vacuna", unha iniciativa para fomentar a reflexión sobre o reparto equitativo das responsabilidades.

A programación completarase coa lectura dun manifesto por parte do alumnado do CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla, que dará voz ás novas xeracións na loita contra a violencia machista.

As actividades continuarán o 30 de novembro cunha charla no CEIP Plurilingüe baixo o título "Sementes de cambio. Erradicando a violencia sexual", impartida por María Angélica Mercado Torres e dirixida aos nenos e nenas do centro. A sesión abordará a importancia da prevención desde as idades máis temperás, a educación afectiva e a construción de relacións baseadas no respecto, na liberdade e na igualdade.

A través desta programación, o Concello quere subliñar que a loita contra a violencia de xénero require un compromiso permanente das administracións e do conxunto da sociedade, máis alá da conmemoración do 25 de novembro. A implicación das persoas maiores, da comunidade educativa e dos recursos municipais constitúe un dos eixos das actividades.

As propostas están cofinanciadas polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade do Goberno de España.

0.12442708015442