Antas de Ulla destina máis de 117.000 euros en subvencións á mellora das redes de abastecemento e saneamento

LugoXa
O Goberno municipal destaca os investimentos realizados e asegura que continúa regularizando débedas e obrigas económicas procedentes do anterior mandato
obras-saneamento-antas-de-ulla
12 Jul 2026

O Concello de Antas de Ulla destina máis de 117.000 euros en subvencións á mellora das redes de abastecemento e saneamento, unhas actuacións que, segundo sinalan desde o Goberno local, foron posibles grazas á captación de fondos a través de subvencións da Xunta de Galicia e da Deputación.

Entre as actuacións executadas figura unha auditoría para reducir as infiltracións na rede de saneamento, cun investimento de 16.819 euros, dos que 13.455,20 euros foron financiados mediante subvención. Tamén se instalaron equipos de medición e telecontrol dos consumos en nove depósitos e dúas fontes da rede de abastecemento, cun investimento de 48.204,16 euros e unha achega pública de 38.563,33 euros.

Outra das actuacións desenvolvidas foi a instalación de novos sistemas automáticos de cloración para reforzar o control e a calidade da auga, financiada coa colaboración da Xunta de Galicia. Ademais, executouse unha nova acometida ao complexo deportivo de Castro de Seoane e ás piscinas municipais, así como novas conexións de abastecemento a vivendas en Chorente, Os Carreiros e outros lugares do municipio, co apoio económico da Xunta e da Deputación.

Os traballos completáronse coa construción dun depósito de usos múltiples en Amoexa, cun investimento de 33.701,34 euros financiado tamén con fondos doutras administracións; a reparación de avarías e a adquisición de subministracións para a rede, cun custo de 25.000 euros, dos que 16.000 procederon dunha subvención; e a limpeza e adecuación das captacións e das súas canalizacións, cun investimento de 4.800 euros.

Xunto a estes investimentos, o Goberno local indica que continúa facendo fronte a obrigas económicas derivadas da anterior etapa municipal. Entre elas cita unha débeda de 103.797,67 euros correspondente ao canon da auga, por cantidades cobradas á veciñanza desde 2013 e que, segundo afirma, non foran transferidas á Xunta de Galicia. O Concello sinala que negociou o seu pagamento en catro anualidades e que está a cumprir os compromisos adquiridos. Ademais, informa de que existe unha proposta de sanción de arredor de 60.000 euros, tamén vinculada á anterior xestión municipal, que foi recorrida e permanece pendente de resolución.

Segundo o Executivo local, estas obrigas económicas condicionan a capacidade para impulsar novas actuacións, ao ser necesario destinar parte dos recursos municipais ao pagamento de débedas, á atención de posibles sancións e á reparación de avarías urxentes.

Desde o Goberno municipal afirman que seguirá traballando na captación de novas subvencións e na optimización dos recursos públicos co obxectivo de continuar mellorando os servizos municipais, e fixan como meta avanzar cara a un sistema de abastecemento que chegue ao conxunto das aldeas do municipio e que sexa máis moderno, eficiente e seguro.

0.13390398025513