Antas de Ulla eleva o orzamento de 2027 ata os 3,18 millóns de euros, cun 53 % máis de investimento

LugoXa
As novas contas municipais medran un 13,37 % respecto ao exercicio anterior e prevén máis de 326.000 euros para actuacións e equipamentos, sen incrementar os impostos
casa-concello-antas-de-ulla
27 Nov 2026

O Concello de Antas de Ulla aprobou inicialmente os orzamentos municipais para 2027, que ascenden a 3.189.591,22 euros, máis de 376.000 euros por riba das contas iniciais de 2026. A proposta saíu adiante no pleno celebrado este venres cos votos a favor do equipo de goberno e en contra dos grupos da oposición.

Segundo trasladou o Executivo local, o incremento orzamentario do 13,37 % responde á xestión dos recursos municipais, á obtención de subvencións e ás achegas doutras administracións, sen que sexa necesario aumentar os impostos municipais.

Entre as principais partidas figuran máis de 1,9 millóns de euros para persoal, incluíndo as actualizacións salariais previstas pola normativa e garantindo a continuidade dos servizos públicos. As contas tamén reservan máis de 326.000 euros para investimentos, o que representa un aumento superior ao 53 % respecto ao orzamento inicial do ano anterior.

Neste capítulo inclúense novos equipamentos, como a pantalla que se instalará na Casa da Cultura, así como a continuación das obras actualmente en marcha e a programación de novas intervencións ao longo de 2027. O Goberno municipal tamén asegura que manterá todas as prestacións e servizos que recibe actualmente a veciñanza.

O Executivo destacou ademais que, por cuarto ano consecutivo, consegue aprobar inicialmente os orzamentos antes de comezar o novo exercicio económico, co propósito de favorecer a planificación e a estabilidade financeira do Concello.

Pagamento de facturas pendentes

A sesión plenaria incluíu tamén a aprobación de varias modificacións de crédito e un recoñecemento extraxudicial de créditos para facer fronte a facturas que permanecían sen aboar, algunhas delas correspondentes a 2023 e á etapa do anterior Goberno municipal.

O Concello lembrou que o pasado mes de maio xa comunicara o pagamento de máis de 400.000 euros, unha cantidade que permitiu reducir en máis dun 60 % a débeda acumulada por facturas e obrigas pendentes.

O actual Executivo sinala que continuará atendendo estes compromisos económicos ao tempo que mantén os servizos municipais, desenvolve actuacións e busca novos recursos para impulsar proxectos no municipio.

0.14705300331116