Antas de Ulla entrega os Premios de Poesía Nadal 2025 na súa fase local

LugoXa
O acto, celebrado na Biblioteca Pública Municipal, destacou a creatividade, o talento e o compromiso coa lingua galega
premios-poesía-de-Nadal-Antas-de-Ulla
23 Jan 2026

A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla acolleu a entrega dos Premios de Poesía Nadal 2025 na súa fase local, un encontro que serviu para poñer en valor a creatividade, o talento literario e o amor pola lingua galega entre as persoas participantes. O acto converteuse nunha celebración da poesía e da expresión cultural no ámbito local.

Os tres primeiros traballos de cada unha das tres categorías serán os encargados de representar a Antas de Ulla na fase provincial do certame, á que desde a organización lles desexaron a mellor das sortes. A xornada contou coa presenza da alcaldesa, Pilar García Porto, así como das persoas integrantes do xurado, ás que se lles agradeceu de maneira especial o seu traballo e compromiso coa promoción da literatura.

O xurado estivo formado por María Dolores Mariño Otero, profesora de Lingua e Literatura Galega; Susana Diéguez Valladares, mestra de Educación Primaria; e María Patao Fernández, estudante do dobre grao de Mestra en Educación Infantil e Primaria. Durante o acto tamén se recoñeceu o labor fundamental da bibliotecaria municipal, María Teresa Batán Buján, polo seu apoio constante á lectura e á dinamización cultural.

Como peche da entrega de premios, o público puido gozar da actuación de Anxo Moure, que coa súa sesión de contos inspirados no río Ulla mantivo durante unha hora a atención de nenas, nenos e persoas adultas. Un espectáculo cheo de dinamismo, emoción e maxia que puxo o broche final a unha xornada dedicada á palabra e á cultura.

⚙ Configurar cookies
0.08184289932251