Antas de Ulla impulsa a lectura con novas actividades na biblioteca municipal

O Concello de Antas de Ulla promove unha nova programación de actividades culturais na Biblioteca Municipal no marco do programa ‘Ler Conta Moito’, desenvolvido en colaboración coa Xunta de Galicia.
A iniciativa busca incentivar o hábito lector entre a veciñanza, abranguendo diferentes idades e ofrecendo espazos de encontro, aprendizaxe e lecer arredor dos libros.
A programación arrinca o 17 de abril cunha actuación dirixida a bebés a cargo de Trémola Teatro, que terá lugar ás 17:30 horas nas instalacións da biblioteca e estará orientada ao club de bebés. A proposta pretende introducir aos máis pequenos no mundo da lectura a través do teatro e a estimulación sensorial.
O día 20 de abril desenvolverase unha dobre sesión dos clubs de lectura, reforzando así a participación dos usuarios habituais desta actividade. Pola súa banda, o 22 de abril terá lugar unha iniciativa centrada no público adolescente, coa colaboración da educadora social do Concello, baixo o título ‘Convivencia e bo trato’, que abordará cuestións relacionadas co respecto e as relacións saudables.
A programación completarase o 29 de abril coa actividade ‘Contos animados’, unha sesión de hora do conto que comezará ás 11:00 horas e que estará dirixida ao alumnado de educación infantil do CEIP de Antas de Ulla e da Galiña Azul, que visitarán a biblioteca.
Desde o Concello destacan que todas estas propostas están pensadas para fomentar a lectura desde as idades máis temperás ata a mocidade, ao tempo que se crean espazos de convivencia e dinamización cultural. Así mesmo, agradecen o labor desenvolvido pola Biblioteca Municipal e animan á veciñanza a participar e desfrutar desta programación.