Antas de Ulla lanza unha ordenanza para protexer os camiños da actividade madeireira

O Concello de Antas de Ulla iniciou o procedemento para aprobar unha ordenanza reguladora do uso común especial do dominio público local polas actividades extractivas de madeira, co obxectivo de protexer os camiños e vías municipais fronte aos danos derivados do tránsito pesado asociado ás cortas forestais.
Desde o goberno municipal aclárase de maneira expresa que esta ordenanza non vai dirixida ás persoas propietarias nin ás vendedoras de madeira, senón ás empresas que realizan a corta, o transporte, o arrastre, o depósito e a carga da madeira. Trátase de actividades que implican un uso intensivo das vías públicas e que, en numerosos casos, provocan desperfectos graves no firme dos camiños municipais.
Tal e como recollen os informes técnicos e xurídicos municipais, o tránsito reiterado de vehículos pesados vinculados á actividade madeireira xera un deterioro que obriga ao Concello a asumir gastos extraordinarios de mantemento, moi superiores aos custos ordinarios derivados do uso normal das vías por parte da veciñanza. Estes gastos recaen actualmente sobre o conxunto da cidadanía, polo que a ordenanza busca un reparto xusto e equitativo dos custos, facendo que quen provoca os danos asuma a súa reparación.
A futura norma, que entrará en vigor tras a súa aprobación definitiva e posterior publicación no Boletín Oficial da Provincia, permitirá previr, minimizar e corrixir os efectos negativos da actividade extractiva sobre o viario municipal. O obxectivo é garantir que, unha vez finalizadas as cortas, os camiños e accesos queden en condicións axeitadas para o tránsito de vehículos e peóns, asegurando así o acceso ás aldeas, vivendas e explotacións agrarias.
O procedemento iniciado polo Concello incluíu unha consulta pública previa, aberta á participación da cidadanía e das entidades potencialmente afectadas, en cumprimento do establecido na Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común. Deste xeito, o goberno local aposta pola transparencia, a participación e a boa regulación, recollendo achegas antes da redacción definitiva da ordenanza.
Desde o executivo municipal sublíñase que esta iniciativa non pretende frear a actividade forestal, senón compatibilizala co dereito da veciñanza a contar con infraestruturas públicas seguras e en bo estado, garantindo ao mesmo tempo a sustentabilidade económica do Concello e a protección do dominio público local.