Antas de Ulla prepárase para a XIII Xuventude con música, xogos e diversión para todas as idades

O mércores 1 de abril, Antas de Ulla acollerá a XIII edición do evento Xuventude, unha xornada pensada para ofrecer diversión, música e actividades para todas as idades. Desde primeiras horas da tarde, a vila encherase de animación e ambiente festivo, cun programa que combina actividades infantís, percorridos musicais e unha verbena nocturna.
Entre as 16:00 e as 20:00 horas celebrarase a Tarde Infantil de balde na Praza Nova, que incluirá pista americana, inchables e xogos guiados con monitoras. En caso de choiva, as actividades trasladaranse á pista cuberta do CEIP de Antas de Ulla para garantir a seguridade e a diversión da cativada.
Ás 19:00 horas terá lugar a Ruta do Elefante, animada pola Charanga Eravisto, que percorrerá as rúas da vila contaxiando música e alegría a veciños e visitantes.
A gran verbena arrancará ás 23:00 horas coa música de Cinema, Disco Móbil Chocolate, DJ Sonic e DJ Tito Maverick, acompañada de postos de comida e un Punto Violeta para velar pola seguridade e o benestar de todos e todas.
Para facilitar a asistencia, habilitarase un servizo de autobús desde diferentes localidades, garantindo que toda a comarca poida participar nesta xornada festiva que combina tradición, música e ocio.